“Chega!” a “Gran Coalición” a Portugal?

O avance da ultradereita abre a posibilidade de cohabitación entre conservadores e socialistas

Aldea Global | O modelo alemá de Gran Coalición que actualmente permite o goberno en Berlín entre conservadores e socialistas baixo o mando do chanceler Friedrich Merz (CDU) pode levemente reproducirse en Portugal tralas eleccións xerais do pasado 18 de maio, as cuartas realizadas nos últimos cinco anos nese país.

O espectacular avance de Chega! (22,5%dos votos), terceira forza política tralos conservadores e socialistas co seu líder André Ventura proclamando que “é a alternativa” ao bipartidismo e o establishment en Portugal, obriga ao gañador, o conservador Luis Montenegro (32,7% dos votos) a abrir negociacións para concretar pactos políticos inmediatos que permitan garantir unha gobernabilidade que se asume difícil. As presións políticas implicarán para Montenegro decantarse probablemente por gobernar en minoría (como viña facendo ata agora) ou aceptar a coalición cos socialistas.

“O Chega matou hoje o bipartidarismo em Portugal’, exclamou un exultante André Ventura”

O discurso de Ventura, moi similar ao do seu admirado Donald Trump así como do seu aliado español VOX, encoméndase como unha “alternativa” que xa non é de esquerdas senón da dereita máis extrema e dura. “O Chega matou hoje o bipartidarismo em Portugal”, exclamou un exultante Ventura. A nova xeografía electoral do Chega! obsérvase principalmente no sur do país: gañou en Algarve, Beja, Setúbal e Portoalegre.

Pero non foi só Portugal. O carrusel electoral deste 18 de maio tamén estivo en Europa do Leste. Polonia elexirá presidente en segunda volta entre conservadores e liberais.

En Romanía, moi vixilada pola UE, venceu o alcalde de Bucarest, Nicusor Dan, un “europeísta” entronizado a última hora para evitar a posibilidade dunha vitoria do “trumpista” George Simion, tamén acusado de ser presuntamente “prorruso”. Simion tivo unha enorme votación entre a diáspora rumana. A UE xa premera meses atrás pola repetición electoral en Romanía trala vitoria, finalmente descoñecida, de Calin Georgescu, un crítico contra o “europeísmo” mentres dende Bruxelas se acusaba a Rusia de presunta inherencia electoral vía redes sociais.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.