Os humanos practicamos o discernimento, a reflexión e o coñecemento, tamén fabricamos as ideas, de xeito semellante construímos as ferramentas e técnicas para desenvolver a ciencia e a tecnoloxía, e imos creando unha morea de artefactos e enxeños mecánicos e todos os dispositivos electrónicos, as interfaces que compoñen a nosa contorna artificial, do mesmo xeito que se crean linguaxes, regulamentos, institucións, procedementos, arte e poesía.
Como calquera ser vivo, o ser humano forma parte da biosfera, pero coa súa intelixencia simbólica constrúe e reconstrúe un universo artificial que está poboado por entidades tanxibles (automóbiles, ordenadores, telescopios, naves espaciais, satélites…) e intanxibles (teorías, fórmulas, ecuacións algoritmos, descricións, narrativas, música, poemas, códigos, sistematizacións… ) este é o universo no que habitamos e co que evolucionamos.
Dá a impresión de que a verdadeira intelixencia será máis doado que apareza na internet que nun computador illado e que será a humanidade interconectada a través da Rede a que terá a posibilidade de dar lugar a unha nova consciencia, unha consciencia planetaria neste caso. Para iso será necesario que a humanidade utilice Internet para actividades máis serias e profundas do que facemos hoxe, é dicir, que o fagamos para actividades cognitivas, intelectuais, culturais e artísticas, no canto de para simples tarefas de intercambio de información convencional, entretemento, diversión ou relacións superficiais.
“Dá a impresión de que a verdadeira intelixencia será máis doado que apareza na internet que nun computador illado”
A humanidade creou novos universos como Internet que deu lugar, a través dunha xigantesca rede de interconexións de máquinas e cerebros humanos, a un novo nivel de ideas abstractas. Unhas ideas máis elevadas, máis comprensivas e máis perfectas en todos os sentidos que as ideas de menor nivel producidas polos actuais cerebros humanos illados.
Unhas ideas que sirvan para procurar as solucións aos problemas do noso mundo, que non acaban de atopar as persoas illadamente. Estes “humanos illados” e os seus computadores conectan centos de cerebros e desenvolven unha intelixencia colectiva e a súa integración a través de redes sociais diversas e a través de foros de debate virtuais debe producir a nova mente planetaria e unha novas ideas abstractas. Estas ideas consensuadas, elaboradas e de máis nivel que as dos individuos illados, volverán a eles, e por tanto o ser humano non será unha simple “neurona” do novo sistema, senón un ser enriquecido e completado.
Actualmente somos seres conectados e temos un pensamento colectivo moi poderoso, unha intelixencia cibernética que conecta a millóns de persoas e que crea unha conciencia universal. Porén cada día que pasa estamos máis illados e mais sós.