Centenario da IV Asemblea das Irmandades da Fala en Monforte

Coorganizado polo CCG, a Fundación Otero Pedraio e a Fundación Vicente Risco

Monforte de Lemos | A concelleira de Cultura, Marina Doutón, acompañada polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e a concelleira de Consumo, Regina López, participou na inauguración na xornada adicada a conmemorar o centenario da IV Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, que foi celebrada en Monforte de Lemos entre o 18 e o 20 de febreiro do ano 1922.

O Concello colaborou activamente cos organizadores para facer posible a celebración desta xornada en Monforte, a cal foi promovida polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Otero Pedraio e a Fundación Vicente Risco.

Na súa intervención, a concelleira destacou a implicación do equipo de goberno neste tipo de actos. “Mantemos un compromiso coa cultura firme e decidido, e apoiar e fomentar xornadas como esta, que nos achega de forma directa o noso pasado, para nós é fundamental, porque so coñecendo a nosa historia, o noso pasado, poderemos construír axeitadamente o noso futuro”.

“Acoller hoxe esta xornada que nos descubrirá en profundidade os detalles da IV Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, e que protagonizaron asistentes tan ilustres como Castelao, Otero Pedraio, Manuel Antonio e Ángel Casal, entre outros, é para nós motivo de gran satisfacción” salientou Doutón.

Esta xornada, que leva por título “Cen anos soñando o destino. IV Asemblea Nacionalista de Monforte das Irmandades da Fala” foi coordinada pola profesora e poeta Olga Novo Presa, a secretaria da Fundación Otero Pedraio, Patricia Arias Chachero, e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé Rodríguez Díaz.

A titular de cultura monfortina tamén animou ós asistentes de fora a coñecer e descubrir Monforte, unha cidade “esta chea de encanto e a súa historia está presente na Torre da Homenaxe e no Conxunto monumental de San Vicente, que foi onde realizaron un retrato de grupo os asistentes a esta Asemblea, fotografía que protagoniza o cartaz e o programa destas xornadas (…) actividades coma esta, contribúen decisivamente a dar a coñecer o noso patrimonio e a nosa historia, o cal agradecemos”.

Na inauguración tamén participaron Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco; José Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedraio, e Tareixa Antía Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo.

O programa de actividades que se desenvolveron arredor desta xornada constou dunha parte científico-divulgativa, a cargo dos reputados expertos Raúl Soutelo Vázquez, Xurxo Ayán Vila, Emilio Xosé Insua e Aurora Marco López, dirixida a toda a sociedade monfortina e galega, e dunha parte lúdico-festiva, que incluíu obradoiros e xogos para crianzas e unha lectura pública de textos dos autores presentes no acto que se conmemorou.