Cenlle abriu a área termal de Barbantes

Durante toda a Semana Santa e os fins de semana ata o 31 de maio

Cenlle | O Concello de Cenlle abriu ó público as instalacións da Área Termal de Barbantes. Durante toda a Semana Santa e os fins de semana, ata o 31 de maio, o horario de apertura será de 13:00 a 20:00 horas. A partir de xuño, abrirá tódolos días da semana.

Trátase dunhas instalacións promovidas polo Concello no ano 2013 a partir dunha surxencia natural de augas sulfurosas que contaron coa financiación de Agader e da Deputación Provincial de Ourense.

Permanece pechada dende o verán do 2020 por mor da pandemia e con motivo da adecuación das instalacións á nova lei de usos lúdicos (febreiro 2020) que procura poñer a disposición dos usuarios nas mellores condicións unha auga termal de calidades extraordinarias.

Este complexo esta composto por tres piscinas hipotermales de entre 21 e 26 grados centígrados, dependendo da época do ano e das condicións meteorolóxicas. Trátase de augas de mineralización débil, bicarbonatadas, alcalinas, sódicas, magnésicas e cloruradas, indicadas sobre todo para ósos, articulacións e pel. Neste espazo hai un amplo aparcamento de ata 60 prazas e un área para auto caravanas. Deste espazo parten varias rutas, co Miño como protagonista.

A Área Termal de Barbantes dispón dun servizo de cafetería con ampla terraza e a xestión de todo o complexo, de uso gratuíto, vai a ser xestionada por unha concesionaria despois de superar a correspondente convocatoria pública.

Nos arredores do área termal de Barbantes atópase o primeiro circuíto permanente de orientación deportiva de Galicia. Conta con cinco percorridos habilitados a pé ou en bicicleta nunha extensión de máis de 10 quilómetros a beira do Miño. O máis fácil ten tres quilómetros. Todos son circulares.

Da área termal tamén parten tres rutas de sendeirismo: paseo termal do Miño (7 qm), calzada romana (15 qm) e a da Cova da Moura (11 qm). As dúas últimas son circulares. Ao longo das tres descóbrese o patrimonio cultural do municipio, como a fonte romana de Lagarellos ou a igrexa de Santa Baia de Laias e o recente Mirador da Moura onde se pode contemplar as dúas marxes do río Miño.

Galicia é a maior potencia termal de España e unha das principais rexións europeas en termalismo, con 300 captacións de augas mineromedicinais (das 2.000 que existen en España), con 21 balnearios, dos que 7 contan coa Q de Calidade Turística, e con 3 centros de talasoterapia. Ademais, a maior concentración de augas termais de Galicia localízase nas comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro.