
Vigo | A Cátedra ARDÁN, impulsada pola Zona Franca e a Universidade de Vigo, conclúe con que as empresas asociadas a Interfish-España conforman un sector esencial para a economía española e a soberanía alimentaria, tanto pola súa achega directa en termos de emprego e riqueza como polo seu papel na seguridade alimentaria e o seu compromiso con estándares sociais e ambientais avanzados.
É a principal conclusión do informe “Impacto económico e social das empresas pesqueiras asociadas a Interfish-España”, presentado ao sector coa presenza entre outros do delegado do Estado de Zona Franca, David Regades, do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do xerente de OPROMAR e vogal da Directiva de Interfish-España, Juan Carlos Martín Fragueiro, de Teresa Molina, subdirectora Xeral de Acordos e Organizacións Rexionais de Pesca do MAPA, e do autor do informe, Xavier Martínez Cobas.
Segundo os datos do profesor Martínez Cobas, o estudo sitúa a Interfish-España como un piar estratéxico para a economía e a soberanía alimentaria ao reforzar a subministración de proteína mariña e soster miles de empregos nunha contorna global marcada pola crecente competencia. “O efecto total das empresas asociadas é de 855 millóns de €, cun valor engadido bruto de 289 millóns de euros e o mantemento de 4.813 postos de traballo. Achegan proteína alimentaria de calidade a partir de máis de 26.000 toneladas de peixe e contribúen á mellora de sete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.”
Os datos son dunha magnitude que mostra a relevancia económica da cadea de valor da tintorera, o marraxo e o peixe espada en España. Interfish-España, única organización interprofesional pesqueira que integra toda a cadea, (extractiva, transformadora e comercializadora), reúne ás organizacións de produtores ORPAGU da Guarda, OPP-7 de Burela e OPROMAR de Marín que concentran en torno ao 75% da produción española destas especies, ademais de Conxemar como representante comercializador.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que “os datos mostran con claridade que as empresas integradas en Interfish-España forman un ecosistema económico sólido e estratéxico e que a súa achega vai moito máis alá da actividade pesqueira. Falamos de emprego estable, innovación, competitividade internacional, sustentabilidade e un papel decisivo na subministración de proteína mariña de calidade para os fogares españois”.
“Investir en coñecemento, dixo Regades, é investir en futuro e en competitividade e ese é o noso obxectivo coa Cátedra ARDÁN na nosa alianza estratéxica coa Universidade de Vigo”. Juan Carlos Martín Fragueiro, xerente de OPROMAR e vogal da Directiva de Interfish-España, destacou que o informe presentado recolle unha imaxe fiel do sector do palangre en superficie. “Non esquezamos que é unha frota integramente galega que traballa en tres océanos. En Interfish promovemos a alianza entre o sector extractivo e o comercializador para fortalecer esta actividade e conseguir trasladar á sociedade os esforzos que facemos pola sustentabilidade das nosas pesqueiras”, sinalou.
Precisamente, Teresa Molina, subdirectora xeral de Acordos e Organizacións Rexionais de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cualifico á frota de palangre en superficie -con máis de 120 barcos no Atlántico, Pacífico e Índico-, como “unha das xoias da coroa da pesca en España”, e centrou a súa intervención na importancia da comunicación para dar a coñecer o que realmente é o sector. “Quen estou presentes en negociacións sabemos que temos dúas frontes. O primeiro, convencer aos países da Unión Europea, sen cultura pesqueira, da importancia do consumo da proteína do peixe e da soberanía alimentaria. O segundo, conseguir que as organizacións ambientais, en moitos casos implantadas en estados de baixo consumo de peixe, venzan a desconfianza e entendan que o sector pesqueiro é o primeiro interesado na conservación e a sustentabilidade”, apuntou.
Pechou a presentación do informe o alcalde, Abel Caballero, quen eloxiou a confluencia no acto de organizacións sectoriais como ARVI, Conxemar ou a propia Interfish, do soporte investigador da Universidade de Vigo e a Cátedra ARDÁN de Zona Franca, así como a presenza da directora da Axencia Europea de Pesca, Susan Steele, ou da ex ministra do ramo, hoxe terceira tenente de alcalde no Concello de Vigo, Elena Espinosa.
“Vigo é pesca de primeira magnitude, Vigo é traballo colaborativo nun sector que sabe aliñar indubidablemente os intereses económicos e os ambientais. Quen pesca defende o medioambiente”, concluíu Caballero.
Datos de impacto do sector do palangre: efectos directos, indirectos e inducidos
O informe sinala que, en canto ao impacto directo, a produción extractiva alcanzou 115,68 millóns de euros e a actividade comercializadora estimada chegou a 257,12 millóns. Desde a perspectiva social, as empresas asociadas xeraron 691 empregos directos, un VAB empresarial de 54,24 millóns, 29,99 en retribucións e 4,06 millóns en impostos. O impacto indirecto, que reflicte o efecto da actividade sobre provedores e sectores vinculados, ascendeu a 172 millóns de euros en produción, 83,51 millóns en VAB e 1.523 postos de traballo.
Pola súa banda, o impacto inducido, xerado polo consumo e o investimento derivados das rendas, foi de 311,01 millóns de euros en produción, 151,61 millóns en VAB e 2.598 empregos, evidenciando a forte capacidade de arrastre do sector. O informe estima que, teniendo en cuenta todos os impactos, a cadea de valor asociada a Interfish-España xera 855 millóns de euros de produción e 289 millóns de valor engadido bruto.
O seu funcionamento impulsa 161 millóns en consumo, 79 millóns en investimento e 72 millóns en exportacións. As rendas mixtas derivadas da actividade alcanzan os 124 millóns de euros. Ademais, sosteñen en total 4.813 empregos, con 165 millóns en salarios, e achegan 51 millóns de euros en impostos para o benestar social.
O estudo contextualiza os resultados nunha contorna complexa para o sector pesqueiro con desafíos como o aumento dos custos enerxéticos, loxísticos e laborais, a dificultade de repercutilos no prezo final, a escaseza de man de obra e a persistente caída do consumo de peixe en España. A iso súmase a forte presión competitiva internacional, marcada por diferenzas regulatorias entre frotas de distintos países.
Compromiso coa sustentabilidade e os ODS
O informe tamén destaca a contribución de Interfish-España aos ODS, especialmente os relacionados co traballo decente, a redución de desigualdades, o impulso da industria e a innovación, a produción e consumo responsables e a protección dos océanos. As empresas operan baixo estándares sociais e ambientais aliñados coas directrices da OIT e coa regulación da UE, nunha contorna no que a competencia internacional non sempre cumpre esixencias equivalentes.




