
Vigo | A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar e o Congreso FAO-MAPA consolidaron en 2025 o seu papel como un dos principais encontros internacionais do sector pesqueiro e da industria de produtos do mar.
Así o recolle o informe sobre o seu impacto socioeconómico en Vigo e a súa área, elaborado pola UVigo no marco da Cátedra ARDÁN, coa colaboración da Asociación Conxemar e a Zona Franca. O estudo foi presentado na sede do Consorcio co delegado do Estado, David Regades, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente de Conxemar, Eloy García.
O informe foi detallado polo seu autor, Carlos Rodríguez, do Grupo Rede, que detallou os principais indicadores da Feira. En termos globais, a Feira e o Congreso xeraron 98,4 millóns de euros en produción, contribuíndo con 53,4 millóns de renda á economía de Vigo e a súa área.
Así mesmo, propiciaron a creación de 1.246 postos de traballo, consolidándose como motor relevante de actividade económica. De feito, o impacto sobre a renda local equivale aproximadamente ao 0,4% do PIB anual da comarca de Vigo. A dimensión comercial do encontro tamén foi significativa. Durante a 26ª edición da Feira alcanzáronse acordos comerciais por valor de 831,7 millóns de euros, unha cifra que representa preto do 4,5% da facturación total do sector da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España. Ademais, a estimación do impacto económico asociado á actividade de negocio revela cifras aínda máis relevantes. Na comarca de Vigo tradúcese en 698,3 millóns de euros en produción, 303,4 millóns en renda e a xeración de 6.224 empregos. Se se amplía a perspectiva a Galicia, o impacto alcanza 857,9 millóns de euros en produción, 372,7 millóns en renda e a creación de 7.646 postos de traballo.
O estudo da Cátedra ARDÁN tamén sinala unha estimación de importancia, porque conclúe que, de poder atender toda a demanda de espazo existente na Feira, o impacto socioeconómico podería incrementarse en 6,6 millóns de euros en produción, 3,3 millóns en renda e 66 empregos adicionais, xunto con 92 millóns de euros adicionais en cifra de negocio, dos cales 29,8 millóns estarían directamente vinculados a Vigo e a súa área. Esta actividade xeraría, á súa vez, un impacto adicional polos acordos de 83,2 millóns de euros en produción, 36,1 millóns en renda local e a creación de 742 novos empregos.
A responsable de ARDÁN en Zona Franca, Susana Lama, explicou que este tipo de informes da Cátedra, baseados no rigor e na metodoloxía, “axudan a que os territorios que comprenden mellor a súa estrutura produtiva e o papel das súas principais actividades económicas estean tamén en mellores condicións para definir estratexias de crecemento sostido e reforzar así a súa competitividade”. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, felicitou expresamente á organización de Conxemar e ao seu presidente, Eloy García, “que con datos sobresalientes do impacto da Feira na área de Vigo volveu bater os seus propios números”, e puxo en valor “un evento que só en tres días consegue case o 5% da facturación do sector en toda España”.
Regades tamén fixo fincapé “na proxección que fai a Cátedra ARDÁN dos beneficios que supoñería o poder atender toda a demanda de espazos en IFEVI”, para insistir na necesidade da ampliación do recinto a fin de blindar Conxemar”. O delegado lembrou que “desde Zona Franca puxémonos ao choio desde hai moito tempo para achegar unha solución, fomos moi xenerosos ofrecéndonos a financiar a ampliación e esperamos que todo este proceso se peche canto antes. En Vigo non podemos xogarnos a permanencia dun foro internacional como Conxemar, nin perder esta oportunidade xa consolidada para a economía e o emprego, ademais de potenciar o IFEVI para outros usos e atraer novas feiras”.
O presidente de Conxemar, Eloy García, destacou que “o contexto internacional, marcado por tensións comerciais, incerteza xeopolítica e disrupcións nas cadeas de subministración, pon aínda máis en valor a capacidade de resiliencia e adaptación da nosa industria. Neste escenario, dixo, Conxemar consolídase como unha plataforma estratéxica que non só reflicte a fortaleza do sector, senón que tamén impulsa o seu crecemento e proxección internacional, reforzando o papel de España como un dos principais hubs globais do sector MICE e da industria de produtos do mar”. García insistiu en que “os datos desta última edición confirman que estamos ante un evento cun impacto económico extraordinario, capaz de xerar negocio, emprego e valor engadido de forma sostida.
Con todo, dixo, tamén evidencian que existe un potencial adicional que non estamos a aproveitar plenamente debido a limitacións estruturais, o que reforza a necesidade de seguir avanzando en infraestruturas que acompañen o crecemento do sector e consolidar a Vigo como un nodo clave na economía marítimo-alimentaria internacional”.
Finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, definiu a Conxemar como “unha feira para entender Vigo, unha bandeira da cidade”, e destacou a participación dun centenar de países no evento. “Isto é moito máis que economía, é unha feira cun enorme valor engadido fomentando as relacións internacionais e redundando no carácter de Vigo como cidade de entendemento, de comercio, de paz”, recalcou. Eloxiou o alcalde a “xenerosa visión” de Zona Franca na futura ampliación do IFEVI e concluíu que “para unha cidade que forxou a súa identidade en base á economía e a empresa, é obrigado actuar xa na ampliación. Non só se trata de Conxemar ou de Navalia, que está a se expor a periodicidade anual; trátase de abrir novos espazos para a economía e atraer outras grandes feiras. Imos facer a ampliación, dixo, e farémolo canto antes”.
A 26 edición da Feira CONXEMAR recibiu máis de 30.000 visitas e acolleu a máis de 800 expositores de 97 países do mundo. O gasto media por participante, incluíndo visitantes profesionais e persoas expositoras, situouse en 676,5 euros, o que reflicte a intensa actividade económica asociada ao evento, cun aumento tamén moi significativo en sectores vinculados ao turismo de negocios, especialmente hostalería, transporte e servizos profesionais.




