Castrelo de Miño | O Auditorio Municipal de Castrelo de Miño foi escenario da presentación do volumen 8 da revista cultural de Ourense “Nós, a Xente do Redor”. Marina Sánchez, poeta e artista multicultural e youtuber, presentou o acto e falou da importancia da cultura: “Imos facendo cestos, tecendo fíos, espallando cultura.”
Na benvida, o alcalde, Avelino Pazos, convocou a gardar un minuto de silencio polo falecemento do alumno do instituto Julio Prieto Nespereira de Ourense, desculpando tamén por mor desta tráxica nova, a ausencia do delegado da Xunta Gabriel Alén. Laudou o traballo colectivo pola cultura: “a cultura da que vive tanta xente e que dende as institucións temos a obriga de apoiar. Castrelo de Miño ten os brazos abertos para recibir a Xente do Redor e as súas iniciativas”.
Juan Manuel Casares Gándara, falou do miragre que representa editar cada número. Trazou unha analoxía do “Ribeiro coma pomba dourada da que estou namorado e quero que vos tamén o esteades.” Lembrou a coincidencia da data coa presentación da Revista NÓS, da que se cumprían 102 anos e convidou a defender a nosa Língua e a nosa Terra “celebrando a vida dende todos os frentes”.
O autor da portada, Miguel Ángel Martínez Coello, lembrou a outra gran riqueza do Ribeiro: as augas termais, e a historia máis sobranceira de Castrelo de Miño. Manuel Blanco Villar, director do Museo Casa do Patrón de Lalín, convidou a todos a seguir loitando a reo polas nosas tradicións, que non chega con amar a cultura e a nosa obriga defendela e apoiala.
Estiveron presentes moitos dos autores deste número: María González Méndez, Francisco Mendo Monteiro, Manuel Blanco Villar, Benito Eladio Rodríguez, Armando González, Marina Sánchez, Miguel Ángel Martínez Coello, Olga Novoa, César Luís Santamarina, Carlos Ares, Pablo Cid, Marila Abad, Desmond Peter Eke, Avelino Jácome, Juan Manuel Casares Gándara, Esteban Sánchez Escuredo e Miguel Blanes.
Entre os asistentes a senadora e presidenta da Fundación Carlos Velo Carmen Leyte Coello e en representación da Asociación Cultural Queixumes dos Pinos, María Rita Mira Doallo e Uxía Seoane Cid: Non faltou un emocionado recordo a Fernando Gabelo e José Antonio Viñas que nos deixaron recentemente. Neste número publicase un texto de Rosendo Fernández coma de homenaxe á figura de Viñas, ilustre ourensán que levou polo mundo o folclore e a Ourense.
O escritor e poeta César Luís Santamarina adiantou o nomeamento da publicación aos XLV Premios da Crítica de Galicia no apartado de iniciativas culturais e científicas. O apartado musical correu a cargo de Antonio Barros e Ialma, Daniel Rincón e Maximino Miguez (Maxi) o acordeonista de Lalín.
Despois do acto os asistentes degustaron un viño ofrecido pola Ruta do Viño do Ribeiro e participaron nun xantar de confraternidade na Parrillada O Rincón, de Barral. A xornada rematou coas visitas a Igrexa de Santa María en Castrelo de Miño (Monumento Histórico Artístico) e ao Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Campo Redondo (Ribadavia).
Avelino Jácome, director da publicación, agradeceu “ o apoio da Deputación de Ourense, Política Lingüística, Ruta do Viño do Ribeiro, Museo Casa do Patrón, Aurea Asociación Diabética, JBA Servicios Inmobiliarios, Aplitec Suministros Industriales, Nenos Ourense e Orixe Publicidade e Comunicación”.
Jácome referiuse a “o cento de autores que colaboraron nestes oito números editados, os músicos e artistas que nos acompañaron de xeito totalmente altruista dende o comezo; ao Concello de Castrelo de Miño, ao seu alcalde Avelino Pazos, o tenente de alcalde José Antonio Ferreiro Verea e todo o seu equipo, e a todo o público que de xeito masivo nos acompaña e nos empurra.”
Con vistas ao futuro, Avelino Jácome prometeu “loitar a reo para seguir xunguido vontades, animar a novos artistas, dar pulo a nosa cultura dentro e fora de Galicia; sementar pinguiñas de esperanza para que agromen os bos e xenerosos, porque penso que a bondade e a maior manifestación da intelixencia, e un Pobo intelixente sentese orgulloso das súas raíces, do seu xeito de ser e o transmite e o defende”.