Carta aberta á Real Academia Galega.

Fernando Groba Bouza | Excelentísimo señor presidente, señoras e señores académicos,

Acabou o ano 2025 e con el a oportunidade de celebrar unha manchea de posíbeis datas conmemorativas que recreasen e lle lembrasen á nosa sociedade aqueles acontecementos que abriron a chegada da democracia no ano 1975. Entre eses sucedidos, tan importantes como simbólicos, atópanse a creación de colectivos poéticos como Rompente, en Vigo, e Cravo Fondo e Alén, en Santiago de Compostela. Concretamente, o grupo vigués naceu no verán do 75 na feira do libro da Cidade Olívica cando Alfonso Pexegueiro llo propuxo a Antón Reixa.

No 2025, as institucións oficiais lembraron e homenaxearon as cantareiras no Día das Letras Galegas, lembraron os 75 anos da creación da editorial Galaxia e da morte dunha das persoas máis sobranceiras da nosa cultura: Castelao. Mais non apareceu por ningures nin a primeira chiscadela ao colectivo vangardista vigués. Nadiña.

“Que vai pasar agora, no 2026, co 50 aniversario do libro que iniciou a renovación poética da Transición?”

Que vai pasar agora, no 2026, co 50 aniversario do libro que iniciou a renovación poética da Transición? E co seu autor? Tamén o/s van “esquecer”? Porque foi este poemario que publicou o propio grupo polifacético de Vigo no mes de maio do 76 o primeiro que fuxiu da liña socialrealista imperante. Tal libro foi tamén a ópera prima da súa incipiente andaina como editorial. Falamos de Seraogna de Alfonso Pexegueiro. O segundo, e non menos importante, foi Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín, en outubro do mesmo ano.

Sabemos que este o ano no que estamos foi elixido o nome e figura de Begoña Caamaño para celebrar e honrar as Nosas Letras, agora ben, aínda que non sexa coa mesma cobertura e intensidade, creo/cremos que Seraogna e tamén Con pólvora e magnolias merecen certa atención dende as institucións públicas que nos representan. Non lles parece?

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.