Ourense | Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegan a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas coa súa nova e singular xira ‘Lugares Máxicos 2025’. O artista actuará no marco incomparable do Adro do Santuario da localidade ourensá o xoves, 17 de xullo, contra ás 20,00 horas, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. As entradas para o concerto están xa esgotadas.
A Xunta de Galicia dálle tamén cobertura a outras oito citas do músico este verán noutros escenarios únicos como Baiona (o 18 de xullo, no Parador de Baiona), Ribadeo (o 22 de xullo, no Auditorio Hernán Naval), Vilanova de Arousa (o 24 de xullo, no Pazo Baión), Salvaterra de Miño (o 26 de xullo, no Castelo), Boqueixón (o 30 de xullo, no Pico Sacro), Marín (o 31 de xullo, na Finca de Briz), Sober (o 17 de agosto, nos Xardíns do Palacio de Sober) e Sobrado (o 6 de setembro, no Mosteiro de Sobrado dos Monxes). Concertos do Xacobeo apoia así unha das citas máis especiais da música galega este ano: a nova xira de Carlos Núñez, un percorrido emocional e musical polos espazos con alma da nosa terra.
Carlos Núñez está considerado internacionalmente como un músico extraordinario, dos máis serios e brillantes do mundo. O seu carisma, a súa enerxía, o seu espírito pioneiro fixérono moi popular, transcendendo con fartura os límites habituais dos seus instrumentos: a gaita e as frautas. Agora, no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, ofrece un novo e singular directo, nun marco patrimonial que arroupará como ningún outro ou seus máxicos sons.
Un erudito da música celta
Carlos Núñez, nado en Vigo en 1971, é un músico considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo. Comezou coas frautas e, máis adiante, aos 8 anos, coa gaita galega. Aos 13 anos foi descuberto por The Chieftains, no Auditorio de Castrelos, en Vigo, e comezou a súa imparable carreira na música.
Ademais, as súas investigacións seguen basicamente dúas liñas relacionadas entre si: a orixe da música celta e a súa fusión coas músicas do mundo actuais. O seu interese polo tema levoulle a percorrer o mundo e a relacionarse con músicos e artistas dos países que visitou, para logo plasmar os seus coñecementos e experiencias na súa prolífica discografía.