Carballo acollerá a Gala 2025 das Vilas en Flor Galicia

Será o 14 de novembro con 41 Concellos adscritos a este movemento

Oleiros | O movemento Vilas en Flor 2025 volve facer visible a súa actividade coas visitas de avaliación aos 41 municipios galegos que este ano aspiran a recibir as Flores de Honra (ata un máximo de cinco). Este é o galardón co que o programa recoñece a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna seguindo a estela doutros similares xa en funcionamiento en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia ou países como Francia (baixo o nome Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Por provincias, na Coruña hai 13 concellos adscritos; 20 en Pontevedra; 2 en Lugo e 6 en Ourense co denominador común de que todos eles teñen menos de 40.000 habitantes:

– Provincia da Coruña (13): Abegondo, Arteixo, Carballo, Culleredo, Curtis, A Laracha, Oza-Cesuras, Ponteceso, As Pontes, Sada, San Sadurniño, As Somozas e Vimianzo.

– Provincia de Pontevedra (20): As Neves, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Covelo, Tomiño, Sanxenxo, Tui e Villagarcía.

– Provincia de Lugo (2): Chantada e Sarria.

– Provincia de Ourense (6): Allariz, O Carballiño, Leiro, Manzaneda, A Pobra de Trives, e San Xoan de Río.

O movemento Vilas en Flor está promovido en Galicia pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Nesta edición, volve contar co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, así como de empresas do sector ambiental como son Husqvarna, Makita e Rain Bird.

A entrega dos galardóns Vilas en Flor 2025 terá lugar o venres, 14 de novembro (11:00h) en Carballo (A Coruña), que o ano pasado conseguiu catro Flores de Honra.

O equipo de expertos percorre Galicia
O equipo de expertos voluntarios xa está a recorrer Galicia para valorar o traballo realizado durante o ano pasado polos gobernos municipais para continuar mellorando a xestión dos seus espazos verdes tendo en conta os aspectos contemplados nas bases. Estos son, entre outros, o coidado do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; o uso social e as sinerxías coa actividade turística.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.