“Cando chegaban tantos inmigrantes a Arxentina tiñan que adaptarse e iso implicaba certa dose de esquecemento das orixes”

María Rosa Lojo | Escritora arxentina Membro de Honra da RAG

María Rosa Lojo é unha autora e investigadora arxentina descendente de pai galego exiliado polas súas ideas republicanas. Lojo ten desenvolto unha ampla obra tanto narrativa como poética ademais de ensaística dentro de Arxentina. Grazas a este labor seu foi coñecendo autores e autoras galegas que lle permitiron a entrada no mundo literario galego. Desde hai tempo desenvolve unha ampla actividade de colaboración con institucións como a RAG da que xa é Membro de Honra e Embaixadora da Cultura Galega.

O mércores 28 de setembro foi recibida como membro de honra e embaixadora da cultura galega na RAG. Como vai facer valer a súa posición como embaixadora e cales son os seus propósitos?
Do mesmo xeito que ata o de agora o fixen: co traballo intelectual e creativo, as publicacións, a difusión a través da prensa e as actividades culturais. Esas achegas son as que sentan unha base de presenza e de memoria. En realidade non é que o meu traballo empece a partir de agora. O nomeamento, que tanto me honra e emociona, máis ben recoñece o feito até o de agora, e apóiame, desde a institución, para seguir a desenvolvelo.

O discurso que pronunciará titúlase Unha galega filla en Buenos Aires. Como sente a relación entre as diferentes xeracións de descendentes de galegos en Bs. As., con Galicia? Existe unha certa conciencia das raíces entre esta xente?
Desde xa que non todos temos a mesma relación coas raíces transatlánticas. Dentro dunha mesma familia hai diferentes reaccións. Nun principio, cando chegaban á Arxentina tantos inmigrantes de orixe galega en busca de progreso, ás veces o que resultaba prioritario era adaptarse como fose, asimilarse, homoxeneizarse, e iso adoita implicar certa dose de esquecemento. Doutra banda, houbo unha inmigración intelectual que puido soñar desde a Arxentina nunha “Galiza ceibe” como quería Alfonso Rodríguez Castelao, e que deixou un importantísimo legado literario e artístico. Hoxe día, cando os grandes fluxos migratorios xa cesaron, e mesmo cambiaron de dirección, porque moitos descendentes de galegos deixan a Arxentina para buscar a vida en Europa, creo que hai unha mirada con máis balance, e moitos grupos que se reivindican como “galego-arxentinos” e queren saber máis sobre as súas orixes. A música, a lingua, a literatura, a cultura galega en xeral (incluída a cociña) póñense en valor.

“Desde que recordo tiven conciencia da identidade galega porque papá falaba moito da súa terra, da súa familia, da súa vida antes e despois da guerra”

O seu pai era galego, aínda así, cando tivo conciencia da particularidade do lugar de orixe do seu pai e que había unha lingua e cultura propias en Galicia?
Desde que recordo tiven conciencia da identidade galega porque papá falaba moito da súa terra, da súa familia, da súa vida antes e despois da guerra. Encantábanme os seus relatos de infancia e imaxinábame eses escenarios, eses personaxes. Un mundo que despois coñecería de maneira presencial e que motivaría a miña obra literaria (onde sempre hai protagonistas galegos, a ambos os dous lados do Océano) e tamén de investigación, en novelas como Árbol de familia (2010), Todos éramos hijos (2014), Solo queda saltar (2018) ou na obra dos ‘galegos’ no imaxinario arxentino. Literatura, sainete, prensa (2008), froito dunha investigación que dirixín, realizada coa colaboración dos investigadores Marina Guidotti de Sánchez en Letras e Ruy Farías Iglesias, en Historia, e que publicou a Fundación Barrié de la Maza.

Vostede ten obras traducidas ao galego. Cre que debera haber un incremento nos intercambios culturais entre Galicia e a comunidade de galegos e descendentes galegos en Arxentina?
Ese intercambio xa existe, aínda que sempre pode incrementarse. Desde Galicia viaxan á Arxentina todos os anos escritores, artistas, intelectuais que participan en diversas actividades (unha delas, a Feira Internacional do Libro de Buenos Aires) e tamén os galego-arxentinos imos a Galicia. En 2016 abriuse a Cátedra Libre Galicia – América, na Universidade Nacional de San Martín, que se engade á Cátedra Libre de Literatura e Cultura Galegas da Universidade Nacional da Prata, fundada en 2013. Desde 2007 o grupo Lectores Galegos en Buenos Aires dedícase a ler e difundir literatura galega clásica e contemporánea, mentres no Colexio Santiago Apóstolo, situado no populoso barrio de Once, edúcanse non só descendentes de galegos, senón doutras colectividades, en particular, de asiáticos, que viven na zona. En 2016, tamén se lanzou na Arxentina o selo editorial Mar Maior, desprendemento do Grupo Galaxia cuxo obxectivo é a difusión da literatura e cultura galegas (da península e da diáspora) en Latinoamérica, a través de traducións: en Mar Maior publicouse un álbum ilustrado que fixemos coa miña filla Leonor, que é artista plástica: O Libro das Seniguais e do único Senigual, en versión castelá. A televisión galega tamén se interesa polo que facemos os descendentes de galegos no país. Hai unha circulación que nunca se interrompeu e o noso obxectivo é que se intensifique.

“Espero que (…) quede cada vez máis manifesto a achega de Galicia como referente patrimonial para Arxentina”

A RAG precisamente destaca de vostede que “a emigración e o exilio son constantes nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación”. Durante o seu traballo autobiográfico, ficción ou ensaio en relación con Galicia, cales foron os datos que máis a sorprenderon durante esas investigacións sobre a emigración e exilio galegos?
Que a identidade galega e as súas representacións desbordan o estreito molde dos estereotipos étnicos, dos mal chamados “chistes de galegos”. Hainos, claro, pero tamén na prensa, en ficcións e autoficciós, en libros de memorias, no teatro popular, vaise despregando e descubrindo unha identidade con ricos matices e unha gran potencia innovadora e creadora. Espero que a partir desas indagacións quede cada vez máis manifesto a achega de Galicia como referente patrimonial para Arxentina.

Buscará desde o seu posto de académica de honra aumentar as relacións entre a RAG e a comunidade galega en Arxentina?
Si, por suposto, en todo o que estea ao meu alcance. Sen dúbida, ser académico é un lugar de representación institucional desde o que se poden facer máis cousas, en principio, porque che consultan como referente e canalizas, así, as inquietudes colectivas, as iniciativas de grupos e persoas.

Dentro das súas influencias galegas destacan Rosalía de Castro e Cunqueiro. Cales son os aspectos que máis a atraen destes dous autores?
De Rosalía a súa potente expresividade, a súa riqueza sensorial e emocional. De Cunqueiro, a súa marabillosa imaxinación, o seu xogo coas tradicións literarias e míticas, o seu humor, a súa graza.

Tamén hai influencia dos relatos orais do seu pai. Que historias lle contaba o seu pai e que pegada deixaron no seu traballo?
Gustábanme moito as súas memorias da vida campesiña: a casa ancestral de pedra, as historias dos antepasados que foron ás Indias en épocas coloniais e volveron, os ecos dun mundo antigo, romano e prerromano, as rocas e as fiandeiras que parecían saídas de contos de fadas. A vida poderosa das árbores, como un castiñeiro fabuloso que, segundo el, servira para labrar os mobles de toda unha familia. O bosque nai, que se di en feminino: unha árbore, unha fraga…era un mundo ao que eu quería pertencer. E despois estaban os personaxes: o señorito do pobo, o cura tramposo que se quedou con terras da familia, os buscadores de tesouros, a música do meu avó, que tocaba o acordeón e descoidaba a labranza. E tantas máis que emerxeron, moitos anos máis tarde, na miña novela Árbore de familia.

Hai outros ou outras autoras galegas que influísen no seu traballo?
A lírica galega dos séculos XIX e XX paréceme notable en xeral. Doutra banda, sempre encontro marabilloso, incrible, que o himno galego non sexa unha exhortación guerreira senón un gran poema romántico de Eduardo Pondal. E que no centro canónico da literatura galega estea, non unha voz masculina, un pai da patria, como na maioría das literaturas, senón unha voz feminina: a de Rosalía de Castro. Leo autores galegos dos nosos días, aínda que non sei se podo dicir que me influíron porque non foron lecturas formativas senón máis ben presenzas contemporáneas. Síntoos fraternalmente próximos, desde os que son algo maiores ou algo menores que min (Freixanes, Alcalá, Rivas, Aleixandre, Casalderrey, entre outros e outras) até xeracións máis novas. Entre os meus últimos descubrimentos, podería citar á poeta Olga Novo e ao narrador Xesús Fraga.

“Hai, por outra banda, autores galegos que coñecen moi ben a literatura e a historia arxentinas”

Veu influencias de autores e autoras arxentinas sobre a literatura galega? Cales son os e as autoras arxentinas con máis presenza?
Paréceme que Borges é a presenza máis influente, que llo coñece e cítallo sempre. Hai, por outra banda, autores galegos que coñecen moi ben a literatura e a historia arxentinas, como Víctor Fernández Freixanes (autor da gran novela A cidade dos Césares, que transcorre na Patagonia) ou Xavier Alcalá. Nos libros de ambos emerxen as crónicas de viaxe, as lendas da terra ou, como en Huinca Lóo de Alcalá, incluso a novela arxentina do século XIX. Sen rumbo, de Eugenio Cambaceres, autor arxentino que está nos comezos do realismo e o naturalismo, se reelabora dunha maneira moi suxestiva neste último libro.

Presentará proxectos de colaboración entre a RAG e entidades culturais de Arxentina?
Farei todo o que vexa posible nese sentido. Está moi ben que a RAG e as súas actividades cheguen á colectividade galega no Río da Prata, pero tamén é desexable que a lingua, a literatura e a cultura de Galicia promóvanse máis aló dos sitios específicos e que alcancen á Arxentina en xeral, que se interactúe libre e amplamente, como nos sucede aos descendentes de galegos na sociedade.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.