“Cada vez hai máis sensibilidade e interese por comprender o que sucede na Palestina”

María del Pilar Ferreiro Díaz | Integrante da Plataforma Condado con Palestina

O drama humanitario en Gaza colocou á causa palestina este 2025 no centro de atención mundial, espallando unha ampla solidariedade vía mobilizacións cidadáns. A Plataforma Condado con Palestina sumouse a estes esforzos denunciando o xenocidio e os seus cómplices.

A Plataforma Condado con Palestina ven realizando unha intensa labor de solidariedade co pobo palestino. Como está sendo a receptividade a estas actividades por parte da veciñanza?
O Condado con Palestina é unha plataforma que xorde en outubro do 2022 como forma espontánea de solidariedade coa loita do pobo palestino por iniciativa dun grupo de persoas da comarca. Desde entón levamos a cabo moitas accións co obxectivo de denunciar o incremento dos ataques contra Palestina por parte do Estado xenocida de Israel nos últimos dous anos.

A acollida por parte da veciñanza foi moi positiva desde o comezo das nosas accións. Notamos que cada vez hai máis sensibilidade e interese por comprender o que sucede na Palestina, e tamén máis vontade de implicarse. Tal vez isto suceda porque moitas persoas da contorna teñen claro que o que ocorre en Palestina é un xenocidio que comezou hai case oitenta anos, e que calar é ser cómplice do mesmo.

As actividades que organizamos —charlas, concentracións, accións culturais e informativas— están contando cunha participación crecente. A xente agradece ter un espazo no que informarse con rigor e no que expresar a súa solidariedade. Isto pon de manifesto que existe unha conciencia política en expansión e un compromiso real coa defensa dos dereitos do pobo palestino por parte da sociedade civil.

Tedes contacto con outras plataformas ou redes de solidariedade con Palestina, dentro e fora de Galicia?
Si, mantemos relación con outras plataformas de solidariedade con Palestina tanto dentro como fóra do país, tales como Galiza con Palestina ou BDS. Consideramos fundamental traballar en rede para compartir información, coordinar accións e fortalecer o movemento de apoio á loita do pobo palestino. Participamos en espazos de coordinación galegos e tamén en iniciativas estatais, e hai comunicación habitual con colectivos doutros territorios.

Esta cooperación permítenos sumar forzas, ter máis impacto e garantir que a causa palestina se manteña visíbel e presente no debate público.

Pensamos que tecer unha rede entre colectivos non é só unha opción, é unha necesidade estratéxica porque cando actuamos de forma conxunta, facemos máis difícil que se maquille a realidade e máis doado que a denuncia da ocupación e da limpeza étnica contra o pobo palestino gañe visibilidade no espazo público. A loita é global, e nós asumímola con todas as consecuencias.

Palestina ten sido un protagonista clave este 2025. Dende a Plataforma, como observan os recentes acontecementos que están a ocorrer nos territorios palestinos?
Desde o Condado con Palestina observamos con enorme preocupación os acontecementos deste 2025. A situación nos territorios palestinos continúa a deteriorarse, con máis violencia, máis desprazamentos forzados e unha vulneración constante dos dereitos humanos. Por iso insistimos en que é imprescindible manter a mobilización social, denunciar o que está a ocorrer e esixir medidas efectivas que poñan fin á impunidade das accións terroristas cometidas polo Estado de Israel.

“O pobo palestino resiste, e nós imos estar ao seu lado sen retroceder un só paso”

Desde a nosa plataforma denunciamos con firmeza a pasividade da comunidade internacional tras a pantomima do “acordo de paz”, que segue mirando cara outro lado mentres se comete unha barbarie tras outra. Pensamos que é máis necesario ca nunca manter a mobilización, elevar a voz e esixir accións contundentes contra quen perpetra e contra quen permite e sufraga o xenocidio.

O pobo palestino resiste, e nós imos estar ao seu lado sen retroceder un só paso.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.