Cachamuíña terá pasarela peonil, parque canino e xogos inclusivos

Contará con baños públicos e supresión de barreiras arquitectónicas

Ourense | A Deputación de Ourense, entidade responsable da xestión da área recreativa do encoro de Cachamuíña avanza nas obras de mellora deste espazo natural cunha nova pasarela peonil. Os traballos encaran a recta final, xa que só queda pendente o traslado da estrutura metálica prefabricada. A pasarela facilitará a accesibilidade en camiños naturais con tránsito de peóns e bicicletas, suprimindo barreiras arquitectónicas.

Estas melloras súmanse a habilitación dun novo tramo do sendeiro no encoro, constituíndo un novo atractivo de esparexemento moi empregado polos veciños da cidade e da área metropolitana.

As obras da nova pasarela tamén teñen como obxecto a mellora do aspecto estético do lugar e a diminución dos custes de mantemento da antiga pasarela, debido ao seu estado de deterioro.

A Deputación tamén ten prevista a dotación de máis servizos, con actuacións que teñen como fin mellorar a accesibilidade e os servizos desta área recreativa situada no Concello do Pereiro de Aguiar.

Entre outras actuacións, destaca a construción duns baños públicos e dun parque canino, este último coas obras xa iniciadas. Por outra banda, o parque infantil ampliarase para dotalo de xogos inclusivos e outras melloras para as familias.

A institución provincial xa executou con anterioridade outros proxectos como o propio parque infantil, de calistenia e biosaudable; o parque da Igualdade; un novo aparcadoiro; e mailo espazo cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.