Bombeiros de Málaga, Cádiz e Madrid loitan contra o lume en Ourense

O Consorcio Provincial agradece os “numerosos ofrecementos” de profesionais que se están a producir desde toda España

Ourense | No contexto da loita contra os lumes forestais, o Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra incendios, traballa na xestión da chegada de bombeiros doutras provincias que se ofreceron a vir á provincia de Ourense par colaborar na extinción dos incendios forestais.

Todos estes medios están tramitados a través do posto do Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) e da Xunta de Galicia, no que a Deputación ten presencia técnica tanto dende o Consorcio como dende a propia institución. A coordinación e o diálogo coa Asociación Profesional de Técnicos de Bomberos (APTB), a través do seu presidente Carlos García Touriñán -director de seguridade cidadá no Concello de A Coruña-, foi clave para acadar este reforzo de medios que chega á provincia.

O primeiro convoi, procedente de Fuengirola (Málaga), está composto por 10 bombeiros que xa se instalaron este luns á noite no parque de bombeiros de A Rúa, que cobre a zona de Valdeorras.

No mesmo dispositivo, viaxaron outros seis efectivos que se quedarán na base de Verín e que onte xa iniciaron a súa cooperación na loita contra o lume, actuando no incendio declarado en A Gudiña.

Hoxe chegarán tamén 17 bombeiros procedentes de Cádiz que, previsiblemente, se aloxarán no parque de Xinzo.
A estes efectivos, súmanse seis profesionais de Bombeiros sen fronteiras, que saíron esta mañá dende Madrid.

Colaboración de Cruz Vermella
Os parques comarcais están preparados con catres, mantas e outros útiles necesarios para o aloxamento dos efectivos, grazas á colaboración de Cruz Vermella e a xestión do avituallamento e as zonas de descanso do Consorcio, habilitando os parques comarcais para este cometido.

En total, son 39 os bombeiros voluntarios que chegan cos seus medios e vehículos dende outras provincias e que estarán a prestar a súa axuda en Ourense na loita contra o lume.

O Consorcio Provincial traballa na xestión deste reforzo relevante para os efectivos ourensáns que traballan sobre o terreo e agradece os “numerosos ofrecementos” que se están a producir por parte de profesionais de diferentes puntos de España. Na foto bombeiros de Fuengirola (Málaga) que actuarán en Valdeorras.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.