BNG sinala que a sentenza do TSXG ratifica a condena ao Concello de Ourense

Pola vulneración de dereitos do Interventor e deixa en evidencia a PP e DO

Ourense | No pleno ordinario do Concello de Ourense celebrado o pasado día 5 de setembro, un dos puntos da orde do día referíase á proposta do goberno municipal de nomeamento do presidente e do vogal suplente do Tribunal Económico Administrativo (TEA).

Ao inicio do debate, o portavoz do grupo municipal do BNG Luís Seara, solicitou a retirada do mesmo da orde do día xa que “o Concello estaba á espera de coñecer a decisión do TSXG a respecto do recurso presentado contra a sentenza condenatoria por vulneración de dereitos do Interventor municipal ao ser cesado por Jácome do seu posto”.

Pero o certo é que coa sentenza do 18 de novembro de 2024 ditada no Procedemento de Dereitos Fundamentais 110/24 polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 1 de Ourense, o Interventor tiña que ser restituído en todos os seus postos, incluído o de vogal titular do TEA, extremo que ratifica a sentenza do TSXG.

Seara lembra que “naquel momento, desde o BNG entendiamos máis acaído agardar a que a xustiza resolvese o recurso e en función diso abordar a renovación do TEA tendo en conta a decisión que o TSXG puidese adoptar” e engade, “dita retirada foi rexeitada e duramente cuestionada por DO e PP, aos cales agora terán que explicar que efectos ten sobre a decisión adoptada nese Pleno e como teñen previsto executar dita sentenza”.

O portavoz do BNG acusa aos populares de “sumisión absoluta a Jácome”, feito que propicia “situacións tan ridículas como as vividas durante o debate deste punto no Pleno xa que nin tan sequera eran coñecedores de que para que o expediente saíse adiante era precisa a maioría absoluta da Corporación, polo que, para non deixar a Jácome tirado e co cú ao aire, mudaron nese momento o seu voto, que era de abstención, e votaron xunto a DO”.

No BNG teñen claro que “o PP é igualmente cómplice e culpable das consecuencias que esa decisión e agora a do TSXG poida ter sobre este órgano tan importante do Concello e sobre as propias arcas municipais”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.