Redondela/BNG | Dende a organización nacionalista saen a paso das pretensións da Autoridade Portuaria de Vigo de recuperar os terreos do Estreito de Rande como almacén de contenedores e vehículos. “Non imos permitir que un espazo tan sensíbel da Rede Natura se vexa en perigo polos intereses económicos dunhas cantas empresas”. Fan un chamamento dende a organización nacionalista a colectivos do entorno de Rande a defender o futuro do Estreito e da Enseada.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González cuestionou o papel da alcaldesa Digna Rivas xunto ás súas declaracións dos últimos días. “Máis alá dos titulares o importante son os feitos, e neste caso os documentos”, referíndose ás alegacións presentadas no periodo de exposición pública no ano 2024. “Dende a alcaldía renunciouse a presentar alegacións para unha verdadeira recuperación da beiramar de Rande”, sinala.
Desvela que “o BNG presentou alegacións ao Documento de Espazos de Usos Portuarios” destacando a súa importancia. Por unha banda demandaron que tanto o Paseo de Cardona e parte do colexio Laredo en Chapela se transferiran gratuitamente ao concello de Redondela. Trátase de terreos que consideran como de alta demanda de uso público, educativo e de lecer.
Por outra banda nas alegacións do BNG prantexaron que tanto Punta Chapelisa en Trasmañó, como os terreos de Coto Wagner, e os coñecidos como Peirao da Pedra deixaran de ser “como apoio loxístico do Porto”. Pretenden empregalos como terreos para almacenaxe de coches e de contenedores, o que claramente é incompatible coa preservación do Estreito de Rande e a Enseada San Simón”, insiste Xoán Carlos González.
Considera que tanto o mobemento de barcos, como importante tráfico de camións de grande tonelaxe suporá unha volta atrás na recuperación medioambiental e unha perda da calidade de vida e maior inseguridade viaria dos veciños e veciñas de Rande. “Non imos consentir que se sacrifique esta parte do concello de Redondela por rendabilidade económica da Autoridade Portuaria”.
O voceiro do BNG critica abertamente que Digna Rivas se limitara a gastar 5.000€ para pagar un informe descriptivo, sen ningún tipo de demandas. Descualifica igualmente ao PP e ao seu líder local Javier Bas, quen nin se molestaron en presentar alegacións porque “seguen sendo sumisos ás órdenes que lles veñan dos seus superiores”. “Quedámonos sos, o BNG defendendo Rande e a Enseada”, afimra. Insiste no valor do traballo desenvolvido pola organización nacionalista que ademáis de presentar alegacións, difundíunas entre os colectivos do Consello Parroquial de Cedeira. “No futuro farémolo nos Consellos de Chapela e Trasmañó para crear conciencia e traballar todos e todas a un”, sinalou finalmente.
“No BNG de Redondela rexeitamos calquera movemento especulativo sobre Rande e a Enseada, mantemos o compromiso en defensa dos valores medioambientais e calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, remata na súa nota.