BNG Ponteareas prioriza o saneamento no rural

A concelleira Cristina Fernández visitou as obras de saneamento en Ribadetea

Ponteareas/BNG | O BNG, a través da súa concelleira Cristina Fernández, reclamou ao goberno local que priorice as actuacións de saneamento no rural, toda vez que as recentes obras de ampliación da depuradora permitirán a realización de novas conexións.

Durante unha visita ás obras da primeira fase da rede de saneamento de Ribadetea, Fernández instou aos gobernos do PP, tanto no Concello como na Xunta, a comprometer o financiamento necesario e avanzar na licitación da segunda fase, en base ao proxecto técnico redactado en 2023, cando o Bloque lideraba o goberno local. A líder do BNG ponteareán tamén reclamou a elaboración dos proxectos das fases restantes, advertindo que “as actuacións en marcha son apenas unha pequena parte do conxunto de obras necesarias para dotar Ribadetea dunha rede de saneamento completa e funcional”.

Ao fío desta demanda, Cristina Fernández criticou a “parálise” do goberno local para avanzar en materia de saneamento. “Estamos a piques de cumprir dous anos desde que Nava Castro asumiu a alcaldía, e a realidade é que non se executou nin un metro de novas redes. A alcaldesa prometeu que completaría o saneamento de todas as parroquias en dous anos, pero nin sequera foron quen de executar os proxectos que deixamos elaborados na etapa do BNG no goberno”.

Fernández lembrou que estas obras son agora posibles grazas á ampliación da depuradora, unha actuación estratéxica que se fixo realidade durante o mandato do BNG no goberno local, ao conseguir un investimento histórico que permitiu modernizar e ampliar a capacidade desta infraestrutura clave. “Sen esa obra, hoxe non poderiamos falar de conexións nas parroquias nin de avanzar no saneamento rural”, subliñou.

Neste sentido, a líder do Bloque sinalou que a veciñanza de Ribadetea “xa coñece como actúa o PP nestes casos. Levan anos enganando á veciñanza con anuncios propagandísticos que nunca se traducen en obras reais, mentres atrasan deliberadamente actuacións fundamentais para unha zona de alto valor ambiental dentro do territorio de Ponteareas”.

Fernández lembrou que co impulso decidido do goberno liderado polo BNG e co apoio da Plataforma veciñal, foi elaborado o Plan Director da rede de saneamento, que incluía a solución técnica para todos os barrios de Ribadetea. A finais do ano 2022 elaborouse o proxecto de execución da primeira fase e, tras as cesións veciñais dos terreos, en xuño do 2023 a Xunta xa podía iniciar o proceso de licitación da obra. Porén, dilatou os trámites e a obra non iniciou até o pasado mes de abril de 2025.

Finalmente, Cristina Fernández reafirmou o compromiso do BNG co saneamento rural como infraestrutura esencial para a saúde, o benestar e a sustentabilidade ambiental, e avanzou que o Bloque “seguirá a defender no Concello e no Parlamento Galego que esta prioridade se traduza en feitos concretos, non en propaganda”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.