O BNG Ponteareas esixe responsabilidades sobre a paralización das obras da Avda. Constitución

Ante a “acumulación de problemas de seguridade, accesibilidade, e corte de servizos á veciñanza”

Ponteareas/BNG | O BNG vén de solicitar a convocatoria urxente dunha comisión informativa en Ponteareas para que o goberno local dea conta dos problemas ocasionados coa “desastrosa execución das obras na Avenida Constitución e na contorna dos Xardíns da Xiralda”.

O Bloque sinala que “a deficiente execución destas obras, que xa deberan estar rematadas o 26 de marzo tras a ampliación do prazo concedido á empresa executora, están causando numerosos problemas á veciñanza”. Así, o BNG enumera dificultades na accesibilidade a vivendas e comercios; problemas de salubridade pública; ausencia de sinalización e protección, xerando inseguridade e causando riscos para a integridade física das persoas; e problemas de mobilidade, que alcanzan a maior intensidade os sábados durante o mercadiño. Así mesmo, a mala execución das obras e a súa constante interrupción provocaron o corte de servizos básicos esenciais, como o abastecemento de auga ou o saneamento, segundo denuncia a propia veciñanza afectada nesta rúa.

As obras acaban de ser paralizadas despois de que o goberno de Nava Castro e a dereita acordara a resolución do contrato á empresa executora. A vista destes feitos, o BNG reclamou ao goberno local que facilite de xeito pormenorizado toda a información sobre a situación actual da obra, así como dos procedementos que están a levar a cabo para corrixir os problemas urxentes mediante a contratación dunha empresa local e os pasos previstos para reanudar a obra.

“Os intereses da veciñanza deben situarse no centro da actuación pública. Por iso, resulta imprescindible que o goberno local ofreza información clara e completa sobre o estado da obra, os prazos previstos e as garantías de que se van resolver de xeito definitivo os problemas detectados, minimizando o impacto sobre as veciñas e veciños”, sinala o BNG.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.