BNG Ponteareas: “a visita do Conselleiro de Sanidade é puramente propagandística”

Toda vez o Centro de Saúde está “totalmente desmantelado”

Ponteareas/BNG | O BNG critica a visita a Ponteareas do conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño, considerándoa “puramente propagandística”, nun momento no que o centro de saúde da vila está “totalmente desmantelado”, con miles de persoas sen médico e sen pediatras suficientes para atender a poboación infantil.”

“Para atender a case 3.000 nenas e nenos, Ponteareas só conta con dúas pediatras, que ademais teñen que atender ás crianzas de toda a comarca pola decisión do goberno do PP na Xunta de manter sen pediatría os centros de saúde das súas localidades”, denuncia o BNG.

Ante esta situación, o Bloque anunciou a presentación dunha proposta para o seu debate no Pleno deste mes de xullo. O obxectivo é que a Corporación esixa á Xunta a cobertura inmediata da praza vacante de pediatría para garantir unha atención sanitaria digna á infancia.

“Mentres a veciñanza padece os recortes e o abandono na atención sanitaria, o PP continúa facendo propaganda coa futura construción dun novo centro de saúde. Segundo anunciou o conselleiro, o proxecto segue atascado en xestións urbanísticas, despois de que Nava Castro e a dereita impulsasen unha modificación do Plan Urbanístico para recualificar terreos que beneficiarían á concelleira do Partido Popular, Raquel Plana. O que precisa con urxencia Ponteareas non é propaganda nin promesas baleiras, senón persoal sanitario suficiente para atender dignamente á súa veciñanza”, sentencia o BNG.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.