
Aldea Global | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar un total de 40 emendas ao informe “Mecanismo Conectar Europa (CEF)”, que salientan como prioridades a finalización do Corredor Atlántico dentro das redes europeas de transporte RTE-T (A Coruña – Vigo – Porto), a ligazón con infraestruturas secundarias existentes coma portos (Vigo e A Coruña), aeroportos, portos secos (PLISAN) e estradas do mar e redes ferroviarias, así como a renovación das infraestruturas ferroviaria abandonadas como a conexión Vigo – Ourense.
“O BNG no Parlamento Europeo defendemos que para Galiza é prioritario finalizar o Corredor Atlántico e neste sentido estivemos traballando nas emendas que presentamos”, salienta Ana Miranda, quen lembra que é unha “demanda histórica” e que precisamente “grazas ao BNG nas emendas aparece de maneira explícita que a conexión de Galiza coa rede transeuropea de transporte ter que ser mellorada e rematada”.
Respecto ao seu financiamento, a eurodeputada galega sinala que o CEF conta cun financiamento directo, de forma que son concursos públicos onde só os Estados e os territorios descentralizados como Galiza poderán pedir recursos para as redes RTE-T. En comparación co CEF actual de 2021-2027 e antes do inicio das negociacións, o orzamento do seguinte CEF (que comeza en 2028) aumenta de 33.710 millóns de euros a 81.400 millóns de euros.
“Para Galiza é fundamental aproveitar estes recursos, que poden ser completados con outros fondos como os FEDER no obxectivo de desenvolver outros proxectos como a saída sur de Vigo”, apunta Ana Miranda.
Eliminar atrancos
Outras das emendas que presentou ao “Mecanismo Conectar Europa” refírese ao Regulamento 2025/925 ou BridgeforEU, do que Ana Miranda foi co-relatora, e que ten como obxectivo eliminar os atrancos administrativas, especialmente no eido transfronteirizo de Galiza e o norte de Portugal. “A eliminación das barreiras administrativas é outra demanda histórica que afecta a miles de persoas que viven a ambos lados da fronteira e que nós levamos tempo traballando”, salienta a eurodeputada galega, quen sinala que as emendas tamén reclaman xerar sinerxías no ámbito do transporte e da enerxía e mellorar así a cooperación e complementariedade das redes secundarias de transporte transfronteirizas.
Por outro lado, nas propostas presentadas sublíñase o papel das cidades e vilas europeas transfronteirizas, as AECT e outras estruturas de cooperación territorial transfronteiriza recoñecidas, incluídos os Puntos de Coordinación que deberían crearse coa nova lexislación europea. Reclámase que sexan consideradas entidades xurídicas elixibles para os efectos do presente Regulamento para o cal os solicitantes deberán demostrar o cumprimento de toda a lexislación ambiental da Unión Europea.
A respecto do CEF referido á enerxía, que financiará proxectos de infraestrutura enerxética transfronteirizos nos sectores da electricidade, o hidróxeno e o transporte de dióxido de carbono, así como proxectos transfronteirizos no ámbito das enerxías renovables, Ana Miranda tamén presentou emendas. Neste sentido, a eurodeputada galega do BNG, pediu a consideración das comunidades enerxéticas, como é o caso do Rosal, incluíndo tamén a cooperación transfronteiriza para fortalecer á rede RTE-E.




