BNG Mondariz asume a súa derrota electoral este 28M

Abre un período de "reflexión e autocrítica" para analizar estes resultados

Mondariz | Mediante un comunicado, o BNG de Mondariz asumiu a derrota electoral este 28M. A pesar de perder máis de 100 votos respecto a 2019 (570 fronte a 687), o BNG mantén as entidades locais menores de Queimadelos e Vilasobroso e reivindica o seu legado político na Alcaldía de Mondariz, con proxectos de investimento asegurados e preparados que se irán desenvolvendo nos próximos meses e anos.

O BNG de Mondariz, con Xosé Emilio Barros como candidato á alcaldía, sumou este 28 de maio 570 votos nas doce parroquias do concello, 117 menos que nas eleccións municipais de 2019, baixando de tres a dous concelleiros/as na corporación municipal. A pesar de ser a candidatura máis votada nas entidades locais menores de Queimadelos, con Pablo Rodríguez, e Vilasobroso, con Alexandre Estévez, asume estes resultados electorais con decepción.

Así e todo, os acepta coa madurez política que caracteriza a esta formación política e non considera un fracaso o seu paso polo Goberno municipal de Mondariz, que nos últimos catro anos de Alcaldía nacionalista puido emprender importantes proxectos para o desenvolvemento da localidade e dar solución a problemas inesperados como a crise de débeda no centro de día, que viña do mandato anterior de Alternativa por Mondariz, e a demandas veciñais históricas e coñecidas, como o cumprimento das obrigas legais respecto das entidades locais menores e a rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar.

“Sen dúbida temos que reflexionar e facer autocrítica para comprender estes resultados”, afirma Xosé Emilio Barros, candidato á alcaldía do BNG de Mondariz. “Aínda que non son os esperados, estamos orgullosos do legado político que deixamos despois de catro anos de intenso traballo no Goberno municipal xunto ao concelleiro do PSdeG-PSOE; traballamos arreo polo ben común e gobernamos con honestidade, ideas claras, proxectos e valentía para sacalos adiante”.

No contexto político municipal, o BNG de Mondariz sempre fuxiu dos discursos populistas e do personalismo. “Seguramente non soubemos transmitirlles aos veciños e as veciñas a necesidade obxectiva dun cambio de modelo na relación entre concello e veciñanza, baseado esencialmente na participación veciñal”, comenta Barros.

“Ata o último momento, mesmo en campaña electoral, o BNG de Mondariz estivo xestionando con discreción pero eficiencia varios proxectos de investimento en infraestruturas e servizos públicos municipais que teñen financiamento asegurado ou solicitado e serán desenvolvidos no concello nos próximos meses e anos”.

“O Goberno municipal ten o traballo feito”, sinala Barros. É posible que vexamos como se presentan como propios proxectos emprendidos polo BNG de Mondariz que non foron recoñecidos nin apoiados durante este mandato, pero o importante é que estes investimentos serán positivos para a localidade.

“A pesar da pandemia, que condicionou o noso traballo político desde o Goberno municipal, puidemos planificar actuacións sobre a base dunha análise rigorosa das necesidades, preparar proxectos e poñer en marcha investimentos que van ter un impacto positivo na localidade”, comenta Barros. Nese sentido, o noso paso pola Alcaldía foi un éxito, non un fracaso, e temos que sentirnos orgullosos e orgullosas.