BNG insta á Xunta de Galicia a implicarse na resolución do conflito aberto na industria siderometalúrxica de Ourense

Faino a través dunha proposición non de Lei

Ourense | O pasado 20 de setembro as tres centrais sindicais máis representativas de Galicia rexistraron e comunicaron unha convocatoria de folga no sector da industria do metal da provincia de Ourense para os días 28 e 29 de setembro, e advirten que de manterse a patronal no actual inmobilismo a folga será indefinida a partir do 5 de outubro.

O principal atranco para o acordo, tal e como recolle o BNG na Proposición non de Lei rexistrada no Pazo do Hórreo, “está nas subas e revisións salariais. A patronal limita a súa oferta ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio, 2022-2024, e a parte social demanda un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, con cláusula de revisión salarial e que os atrasos se perciban desde o 1 de xaneiro”.

As subas salariais veñen sendo motivo de debate público e de conflito social neste escenario de inflación desbocada que está a provocar unha perda de poder adquisitivo entre a clase traballadora sensibelmente superior ao que marca o IPC e que a día de hoxe está medio punto superior na Galiza ao da media do Estado español por causa, segundo o Conselleiro de Facenda da Xunta, da maior ponderación dos prezos da electricidade e do combustíbel no IPC galego, o que evidencia a necesidade de realizar diferentes índices en función das diferentes realidades sociais, como a territorial e o nivel de renda.

Segundo o deputado Ramón Fernández, “consideramos de vital importancia que o goberno galego se implique activamente para evitar a perda de poder adquisitivo da clase traballadora, máis aínda se temos en conta o punto de partida dos salarios e cotizacións da provincia de Ourense, por debaixo da media galega, e nun 88,5% da media do estado español”.

Para Fernández “o persoal afectado polo convenio colectivo da Industria do siderometal e talleres de reparación de vehículos representa unha elevada porcentaxe dos traballadores e traballadoras da provincia de Ourense que traballan por conta allea, e non cabe dúbida de que as súas condicións salariais e de traballo, e a súa eventual perda de poder adquisitivo, terían importantes consecuencias na economía provincial e de toda Galiza”.

Desde o BNG recoñecen que a ninguén se lle escapa que a negociación da suba salarial e do mecanismo de revisión anual para evitar a perda de poder adquisitivo dos salarios está no cerne das reivindicacións sindicais nun sector que durante o ano 2021 tivo unha suba de apenas o 1,5% con efectos desde xullo e sen revisión a final de ano, cando o IPC galego do ano 2021 marcou o 6,7%. Os nacionalistas insisten, “estamos diante dun sector que xa perdeu moito poder de compra polo que entenden que a Xunta de Galiza debería preocuparse de garantir o poder adquisitivo dos salarios que como neste caso son de aplicación a amplas capas da sociedade galega”.