O Porriño/BNG | O río Couso, ou río Fonteliño, ao seu paso por Cans, sofre unha grave situación de contaminación reiterada. A causa desta é a actividade agresiva co medio dunha graveira situada no Alto do Confurco. O BNG solicitou no Pleno do Porriño que o goberno do PP de Alejandro Lorenzo denunciase ante os Xulgados e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil este ataque sobre o noso patrimonio natural e sobre a parroquia de Cans. O Alcalde e o seu grupo votaron en contra.
Desde hai 40 anos o Fonteliño pasou de ser un lugar seguro a sufrir constantes episodios de contaminación a gran escala a través de flagrantes vertidos contaminantes. O leito do río vólvese leitoso e mesmo azulado; por momentos aparece escuma na superficie e o olor é intolerábel. As graves alteracións que producen estas verteduras no río afectan as augas superficiais e subterráneas, a Saúde Pública, os hábitats acuáticos, a pisci-fauna, o ecosistema do río e a propia identidade da Parroquia de Cans.
Esta situación de indiferenza por parte do Concello supón un agravio constante e desprotección da veciñanza, do ambiente, do territorio de Cans e da Conca do Louro. As denuncias sobre estes vertidos sinalan que o punto de orixe son as canteiras localizadas en Couso, no Concello de Ponteareas, pois o inicio da contaminación comeza na gabia das augas pluviais e da escorrentía das aguas superficiais da estrada ao paso polo dito lugar.
A maioría do PP no Pleno evitou que se aprobase unha moción presentada polo Bloque na que se solicitou a presentación de denuncia formal do Concello do Porriño ante a Comisaría de Augas da Conca Hidrográfica Miño-Sil e a comunicación ante o Concello de Ponteareas desta grave situación ambiental que acontece nos seus límites territoriais.
“O goberno do PP olla para outro lado ou limítase a darlles curso administrativo ás denuncias que as persoas particulares presentan. Négase a actuar, a ter iniciativa política propia en defensa da parroquia de Cans e do noso medio natural”, sinalou o concelleiro do BNG, Marcelo Rodríguez Acosta. “A contaminación química por metais pesados e física do río sófrea a veciñanza da Parroquia de Cans. O voto en contra do PP permite que a empresa teña liberdade para seguir contaminando o río sen consecuencias”.