O Porriño/BNG | Hai dúas semanas, o alcalde do Porriño gabábase nos medios da súa política económica. A realidade contradí esa postura. Dende que dirixe o Concello, gastáronse 12 millóns de euros e O Porriño ten novos préstamos bancarios cun valor de 3 millóns de euros. Como informou o Consello de Contas, houbo un incremento exponencial da débeda e un baleirado do remanente.
No tempo que leva na alcaldía, Lorenzo lapidou 12 millóns de euros e recorreu a diferentes préstamos bancarios por valor de 3 millóns máis. Un auténtico dispendio. Estamos ante un gasto sen control en asuntos superfluos e proxectos cun resultado cuestionable como o do Campo da Feira, Pío XII ou o novo auditorio. A realidade é que baleirou o remanente de tesourería do concello e incrementou exponencialmente a débeda, como informou o propio Consello de Contas. E todo isto sen transformar para ben O Porriño nen darlles solución aos históricos problemas do municipio.
Volveu tamén con Alejandro Lorenzo a política de favores a persoas afíns á dirección do PP. No último ano, os contratos menores, aqueles que discrecionalmente, a dedo, sen oferta pública, son adxudicados polo alcalde, ascenderon a 3 millóns de euros. No Concello do Porriño estanse a fraccionar servizos para os poder adxudicar sempre ás mesmas empresas.
Lorenzo endebedou o concello para pagar as facturas que bloqueaba cando estaba na oposición. En lugar de pagalas con cargo ao importante remanente de tesourería que herdou, preferiu malgastar eses fondos e solicitar créditos aos bancos. Estes préstamos están a orixinar intereses por valor de 800.000 € que as e os porriñeses teremos que pagar. Quere facer crer que lle deu solución ao problema das facturas pendentes cando foi o principal responsable de que o concello, a pesar de contar con diñeiro, mantivera a débeda coas empresas provedoras.
O BNG sempre estivo a favor, e así se pode comprobar na hemeroteca, da revisión das facturas nas que non estivese acreditado a realización do servizo. Esta facturación irregular, anterior a outubro do 2019, non se corresponde co tempo no que o Bloque tivo responsabilidades de goberno. Pola contra, a inmensa maioría das facturas que Alejandro Lorenzo se negaba a recoñecer cando estaba na oposición, a pesar de que contaban con informes favorables do persoal técnico, eran correctas e acabounas pagando despois con intereses cando foi alcalde. A súa estratexia de xudicializar a política para derrocar a un goberno en minoría pagámola o conxunto dos porriñeses e porriñesas.
Lorenzo minte cando di que a situación económica do concello era de bancarrota cando el chegou á Alcaldía. Este é un discurso incompatible con afirmar despois que se investiu máis que nunca no Porriño. De onde saíron os cartos? Resulta especialmente grave que non teña presentado nin tan sequera un borrador de orzamento a esta altura do ano. O certo é que nada sabemos das contas públicas cando xa tería que estar a traballar nas do 2026. É unha mostra de falta de previsión inxustificable. É un goberno con maioría absoluta, pero improvisa e non actúa con rigor. Toda esta situación fai que estea a ser advertido, desde os servizos económicos do concello, da posibilidade de caer en inestabilidade orzamentaria para o próximo ano.