
O Porriño/BNG | A continuación reproducimos íntegramente a nota publicada polo BNG do Porriño co respecto á situación no Centro de Saúde:
“O Centro de Saúde do Porriño viviu varias xornadas sen persoal médico polas tardes. Esta situación provocou que a oposición, en bloque, lle solicitase ó goberno local a necesidade de esixirlle á Xunta de Galicia máis persoal médico. O goberno de Alejandro Lorenzo bloqueou calquera posibilidade de esixirlle á Xunta de Galicia máis recursos. O BNG e mais o PSdeG-PSOE do Porriño, dándolle voz á Plataforma SOS Sanidade Pública da Louriña, presentaron por urxencia unha moción no pleno municipal para solicitarlle á Xunta de Galicia un reforzo de persoal médico que asegure a atención en horario de tarde.
Dos 6 profesionais médicos que lle corresponden para o horario de tarde a este centro sanitario, en varias xornadas este estivo cerrado por non contar con ningún. Esta situación precaria provocou a dimisión da directora do Centro de Saúde e o desvío das persoas ao PAC, se era un caso de urxencia.
A oposición denuncia que “non estamos ante un feito illado, senón ante a consecuencia directa dunha falta estrutural de persoal, planificación e investimento en atención primaria, responsabilidade da Xunta de Galicia e da dirección do SERGAS, que manteñen centros abertos sen os recursos humanos precisos para garantir unha sanidade pública digna”. Na moción solicitouse ó goberno municipal que instase a Xunta de Galicia á cobertura inmediata das prazas necesarias para pórlle solución ós problemas que presenta o Centro de Saúde do Porriño.
O PP usou a súa maioría absoluta no concello para manterse na inacción. “Estamos ante un novo caso no que Alejandro Lorenzo prioriza o servilismo ó seu partido fronte á súa obriga: defender os dereitos das e dos porriñeses. Vendéusenos unha reforma integral do Centro de Saúde do Porriño, pero o que obtivemos só foi un parche. Parcheouse unha infraestrutura sen ampliación de novos servizos necesarios, coma a saúde mental ou radiografía, e sen cubrir, nin sequera, o persoal médico necesario para a poboación do noso concello”, denuncia Pedro Pereira, portavoz do BNG.
Por todo isto, sumado ao estado de abandono no que se atopa a sanidade pública, o BNG estivo presente apoiando a manifestación do 1 de febreiro en Santiago de Compostela convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública”.




