Estrasburgo/BNG | No debate do Parlamento Europeo sobre os “Prezos de venda ao público elevados dos alimentos e consecuencias para os consumidores europeos” a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou os “prezos abusivos” que en Galiza algúns produtos chegaron a aumentar un 35% desde a pandemia.
Neste sentido, a eurodeputada galega referiuse ao prezo do leite, que en Galiza é inferior tanto à media do Estado español como a media europea. Mentres, os produtores leiteiros viven a presión da industria coa ameaza de quedar sen recoller o leite e os sindicatos agrarios denuncian unha situación que pode levar á desaparición de unha parte significativa das pequenas explotacións leiteiras da Galiza.
“Comer dignamente é un dereito básico”, subliñou Ana Miranda na súa intervención, quen denunciou que en Europa, 42 millóns de persoas “comen mal porque aumentou o prezo dos alimentos”. Ao respecto, as últimas estatísticas de Eurostat sinalan que apenas o 12% dos europeos e europeas consomen as cinco porcións recomendadas de froitas e vexetais por dia, e o 33% non consomen ningunha.
Intervención pública
“Atopamos agricultores que reciben un 4% menos pola venda dos seus produtos mentres a grande distribución tivo un aumento do 188% e a industria agroalimentar do 64%”, sinalou a eurodeputada do BNG. Fronte a esta situación defendeu o monitoreo do prezo dos alimentos “contra a práctica de prezos abusivos”. “Non é lóxico nin ético que a grande distribución e a industria alimentaria reciban tanto e os produtores tan pouco”, manifestou no debate plenario.
Finalmente, e en resposta a unha pregunta formulada polo eurodeputado portugués Joao Oliveira sobre os prezos abusivos, Ana Miranda defendeu que a intervención pública “é necesaria”, posto que ao seu xuízo “sería a única forma na que podemos acceder a ter prezos xustos para as persoas”.