BNG defende unha investigación após o último sinistro nas obras do AVE en Ourense

Reclama ao Goberno do Estado coñecer as causas do accidente mortal de San Cibrao


Ourense | A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia o rexistro de iniciativas urxentes para reclamar explicacións e actuacións inmediatas ao Goberno do Estado após o accidente laboral sucedido o pasado 18 de novembro nas obras de execución da Variante Exterior de Alta Velocidade en Ourense, onde perdeu a vida un traballador de 45 anos e outro operario resultou ferido.

O sinistro tivo lugar na boca norte do túnel de Rante cando unha estrutura metálica de 14 toneladas caeu sobre a cesta da maquinaria elevadora que manexaba o operario falecido. Nas obras da Variante Exterior traballan diversas empresas subcontratadas pola UTE Sando e Rover, adxudicataria das actuacións.

Carme da Silva, denuncia que este accidente “non é un feito illado”, senón que se enmarca nunha longa serie de sinistros laborais nas obras do AVE galego. De facto, lembra a senadora nacionalista, non é a primeira vez que o BNG rexistra iniciativas ante o malestar emanado polos propios traballadores e traballadoras das obras.

Investigación inmediata e exhaustiva
Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno Estatal asumir a súa responsabilidade directa neste ámbito, por tratarse de obras públicas financiadas e contratadas pola Administración Xeral do Estado. “O Goberno debe atender esta situación. A responsabilidade última é pública e debe esixir garantías e seguridade” subliña Carme da Silva.

Entre as demandas formuladas, o BNG require “coñecer con exactitude as causas do accidente mortal de San Cibrao das Viñas e que se faga pública toda a información relativa ás circunstancias do sinistro”. Para iso, Carme da Silva sinala a necesidade de abrir unha investigación que permita esclarecer o sucedido e depurar responsabilidades se as houber.

“O Goberno debe dar unha explicación detallada das medidas adoptadas até hoxe polo Goberno para reducir a elevada sinistralidade das obras do AVE galego, que xa motivou denuncias sindicais no pasado e informar sobre as inspeccións laborais realizadas, incluíndo o número de actuacións efectuadas na Variante Exterior do AVE a Ourense e os incumprimentos detectados” espeta Carme da Silva.

BNG propón ao Goberno reforzar os controis e inspeccións periódicas, garanta o cumprimento estrito da normativa de prevención de riscos laborais e actúe “con firmeza” frente á calquera práctica empresarial que comprometa a seguranza dos operarios.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.