Aldea Global/BNG | A eurodeputada Ana Miranda traslada a condena do BNG ao ataque e secuestro sufrido esta noite por un buque da Flotilla internacional Rumbo a Gaza por parte de Israel. O Madleen partiu de Italia o 1 de xuño co obxectivo de romper o prolongado bloqueo israelí e segundo salienta Miranda, trátase “dunha flotilla de carácter humanitario que ten que ser respectada”.
“Chamamos ás institucións da Unión Europea e dos Estados Membros, incluído o Estado español, a que se pronuncien e condenen este acto de piratería e secuestro”, manifesta a eurodeputada galega, quen ademais subliña que desde o Bloque “esiximos a liberación de todas as persoas retidas, así como da miña compañeira, a eurodeputada Rima Hassan”. Ana Miranda sinala que, como exintegrante da tribulación dun dos barcos da Flotilla hai dez anos, “sabemos que Israel ten máis impunidade polo xenocidio atroz que está matando en Gaza e destruíndo casas e hospitais”. “Israel goza de total impunidade coa complicidade da Unión Europea, por iso a UE ten que posicionarse”, manifesta a eurodeputada do Bloque, polo que defende o a cancelación do acordo comercial entre a Unión Europea e Israel e o embargo de armas.
Violación do dereito internacional
Poro outro lado, eurodeputadas e eurodeputados de diversos grupos políticos e territorios, remitiron esta noite unha carta urxente ás autoridades de Israel para expresar a súa fonda preocupación polas recentes declaracións públicas de funcionarios israelís sobre a súa intención de interceptar o Madleen en augas internacionais, da que se desprende a violación do dereito internacional.
“Recordamos aos funcionarios israelís que a ameaza pública de interceptar o Madleen é en si mesma ilegal segundo o dereito internacional e desencadena a obriga legal dos Estados de actuar para protexer aos seus nacionais dun dano inminente e de posibles crimes atroces. Recordamos ademais ao Goberno de Israel que calquera interferencia con esta misión -xa sexa mediante interceptación, apresamento ou detención- constituiría unha grave violación de múltiples corpos de dereito internacional. Israel, como potencia ocupante, carece de base legal para obstruír a axuda humanitaria ou deter a nacionais da UE que exercen os seus dereitos protexidos polo dereito internacional”, sinala a carta enviada.
Neste sentido, as eurodeputadas e eurodeputados asinantes da carta instan ao goberno de Israel “a actuar con pleno respecto do dereito internacional e a absterse de calquera acción que poida poñer en perigo a civís protexidos ou violar as obrigas vinculantes do Estado de Israel.