BNG: “A Xunta de Galicia ignora a Ponteareas nos Orzamentos 2026”

A deputada Cristina Fernández Davila indicou que seguen pendentes “proxectos fundamentais” para a vila

Ponteareas/BNG | O BNG denuncia que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2026 non inclúe nin un só euro para investimentos en Ponteareas, “evidenciando, unha vez máis, o abandono e a falta de compromiso do Goberno galego co noso concello e coa comarca do Condado”.

Así o manifestou a deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, que cualificou as contas presentadas pola Xunta como “uns orzamentos que dan as costas ás necesidades reais da veciñanza de Ponteareas, que volve quedar fóra das prioridades do PP, sen investimentos en infraestruturas, servizos públicos nin proxectos estratéxicos que melloren a vida da xente”, sinalou a deputada ponteareá.

O BNG lembra que “seguen pendentes proxectos fundamentais para o desenvolvemento do municipio, mentres o PP na Xunta, coa complicidade do seu partido a nivel local, continúa castigando Ponteareas cunha discriminación orzamentaria inxustificable”, denunciou Fernández Davila.

Dende o Bloque reclámanlle ao goberno do PP na Xunta unha rectificación inmediata durante a tramitación parlamentaria das contas, incorporando investimentos concretos que respondan ás necesidades do municipio. Por iso, a formación nacionalista anunciou que presentará emendas a través do seu grupo parlamentar para incluír actuacións prioritarias no proxecto orzamentario e non permitirá que Ponteareas quede, outro ano máis, fóra da axenda do Goberno galego.

“O BNG reafirma o seu compromiso con Ponteareas e coa defensa dos investimentos que o noso concello precisa para avanzar en igualdade de oportunidades, servizos públicos e calidade de vida”, afirmou Cristina Fernández. “Ponteareas non pode seguir sendo a gran esquecida da Xunta. Estaremos vixiantes e seguiremos traballando para que o noso concello ocupe o lugar que merece”, concluíu a deputada ponteareá.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.