Blanca Riestra, gañadora do XL Premio Blanco-Amor coa novela ‘Aquí empeza o mar’

A obra retrata á cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia
A escritora coruñesa Blanca Riestra é a gañadora do XL Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor pola súa obra ‘Aquí empeza o mar’.

Ourense | A escritora coruñesa Blanca Riestra é a gañadora do XL Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor pola súa obra ‘Aquí empeza o mar’, presentada baixo o lema O sumidoiro, e na que retrata á cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia.

A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 37 orixinais presentados a este certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor e que está dotado cun premio de 15.000 euros.

O xurado valorou de xeito unánime que a novela “entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares”, destacando a elección da cidade da Coruña “como gran personaxe colectiva en varios momentos da súa historia recente, retratándoa cun xeito moi orixinal e vívido, magnético e a través dun estilo que combina con mestría xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade”.

Todo isto, engade a acta, enriquecido “cun relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, mais tamén reais, que deste xeito quedan xa para sempre inmortalizados”.

Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade de Borgoña (Francia). Foi directora do Instituto Cervantes de Alburquerque (Estados Unidos), directora literaria da colección “Versión Celeste” da editorial francesa Orbis Tertius, profesora universitaria e na actualidade é docente de ensino medio no IES Adormideras da Coruña.

A súa traxectoria literaria comezou en 1996 coa publicación da novela Anatol y dos más, á que seguirían máis dunha ducia de títulos. En todo este tempo o seu labor foi recoñecida con diversos galardóns, entre os que cabe citar o premio Ateneo Joven de Sevilla (2011) pola novela La canción de las cerezas; El sueño de Borges (2005, premio Tigre Juan); Todo lleva su tiempo (2007, finalista do premio Fernando Quiñones); Pregúntale al bosque (2013, premio Ciudad de Barbastro); Greta en su laberinto (2015, premio Torrente Ballester); Noire Compostela (2016, premio de novelas por entrega de La Voz de Galicia); ou Últimas noches del edificio San Francisco (2020, premio Ateneo de Sevilla).

O xurado foi presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Luciano Rodríguez Gómez, Mercedes Corbillón Fernández, e César Lorenzo Gil, actuando como secretaria Tensi Gesteira.

O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, será entregado nun acto que se celebrará no Liceo de Ourense o próximo 1 de decembro, coincidindo co 42 aniversario do pasamento do escritor.