A Cañiza mantén a tradición do Belén

Estará instalado no Centro Social de Día ata despois de Reis

A Cañiza | Un ano máis, o Alcalde Luis Piña visitou o Belén de Nadal da Cañiza, instalado no Centro Social de Día da Praza Arquitecta Rita Fernández Queimadelos (antiga Praza de Oriente), acompañado da súa creadora, Marta Mariño, quen volve compartir coa veciñanza unha proposta completamente renovada.

O Belén destaca nesta edición pola súa capacidade de reinterpretarse, incorporando novas pezas e escenas inspiradas na vida cotiá do municipio. A composición recrea edificios e espazos recoñecibles da vila, como a bancada do estanco “Cacheiras”, diversos establecementos comerciais ou o CPI da Cañiza, convidando ás persoas visitantes a observar con atención e descubrir os múltiples detalles da composición deste 2025.

Durante a visita, o Alcalde felicitou a Marta Mariño polo seu talento e constancia, agradecéndolle, en nome de toda a veciñanza, o esforzo e o traballo investido durante máis de 15 anos na posta en escena das súas creacións. Finalmente, lembrouse que o Belén se poderá visitar no Centro Social de Día ata despois da festividade de Reis, en horario de 14:30 a 21:00 horas, de luns a domingo, agás o día 1 de xaneiro de 2026, data na que o centro permanecerá pechado.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.