Begoña Caamaño volve ao seu instituto

O documental da RAG foi presentado no IES Alexandre Bóveda de Coia onde estudou a homenaxeada coas Letras Galegas 2026

Vigo | A Real Academia Galega escolleu o instituto onde estudou Begoña Caamaño como primeiro escenario para presentar o seu documental sobre a escritora e xornalista, dispoñible xa en academia.gal e a canle de Youtube da institución.

O presidente Henrique Monteagudo; os directores de Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, Damián Varela e Alba López; e o académico Víctor F. Freixanes, editor de Caamaño e exprofesor do IES Alexandre Bóveda, interviñeron esta mañá na homenaxe que o centro educativo vigués lle rendeu á protagonista do vindeiro Día das Letras 2026 para falar da película e da propia homenaxeada. A celebración contou tamén coa asistencia de voces amigas e estudosas da súa obra que van tecendo no relato audiovisual un retrato coral, e mais coas actrices e actores que interpretan na película os papeis das súas personaxes literarias.

A irmá da autora, Beatriz Caamaño, a académica Ana Romaní, a cantante Uxía e a actriz Maika Aguado son parte das persoas que interveñen no filme que acudiron ao acto, que arrincou coa música do coro do instituto. Deseguido, a súa directora, Judit Alonso, lembrou o espertar do activismo de Begoña Caamaño en Coia. “Hoxe homenaxeamos non só unha brillante escritora e unha xornalista rigorosa, senón tamén unha muller audaz, comprometida e crítica, que coas súas palabras procuraba transformar a sociedade na que vivimos”, destacou nas súas palabras de benvida.

Beatriz Caamaño quixo salientar pola súa banda o traballo realizado polos directores do documental producido pola RAG e gabou como souberon transmitir “dunha maneira tan fiel, tan agarimosa, respectuosa e potente” a figura da súa irmá. Díxoo no coloquio que compartiu coa escritora An Alfaya, autora da peza teatral sobre Caamaño para Primavera das Letras e compañeira de Begoña Caamaño no instituto e Maxisterio; e Maika Aguado, amiga da infancia.

Henrique Monteagudo definiu a obra literaria de Begoña Caamaño como “un prodixio de imaxinación construtiva” e defendeu a súa elección no ronsel doutras homenaxeadas pola RAG como Xela Arias (2021) ou Luísa Villalta (2024), autoras contemporáneas “que interpelan a xente nova”. “Todos sabemos a situación de emerxencia que vive a lingua, e que o futuro pasa por interpelar a mocidade, que moitas veces non tivo a oportunidade de recibir o galego nas súas familias. Porque ás veces falamos da desgaleguización da mocidade, pero é que a mocidade non abandonou o galego, non o recibiu”, recordou para poñer deseguido a escritora e xornalista como exemplo para as novas xeracións tamén no que atinxe ao idioma. “As persoas neofalantes, que recuperan a lingua que non recibiron, son unha das chaves do futuro do noso idioma”, concluíu.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul afonda nas distintas facianas da escritora e xornalista. Desde a súa xénese na infancia, recreada a partir dun texto de Maika Aguado que se apoia na interpretación das nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, alumnas da escola de teatro Imaxinatea Lab Creativo; ata a súa irrupción na escena literaria con dúas anovadoras novelas que levan á escena Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, estudantes da as estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD Galicia), e a bailarina Elsa Pereira.

O documental .producido pola RAG e realizado por Miramemira, contou tamén coa colaboración do Centro Dramático Galego e foi posible co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.