Antón Araúxo Quintas | Confeso que non tiven a honra de coñecer ou tratar en persoa a Begoña Caamaño máis aló dalgunhas coincidencias temporais en espazos físicos compartidos. Agora ben, coñezo algo da súa obra e, sobre todo coñezo o seu activismo social, cultural e político a prol de todas as causas que nunca lle foron alleas a unha muller feminista e comprometida coma ela. Sobre todo aquelas que tiñan que ver cos dereitos das mulleres, os dereitos cívicos e o dereito á cultura e a lingua galegas e, sobre todo o dereito a información dende uns medios de comunicacións públicos e democráticos.
Doce anos despois da súa apresurada marcha o seu pensamento segue máis vivo e necesario que nunca nun tempo onde triunfan os bulos, as fake news e os autodenominados influencers a soldo dos grandes lobbys que converten unha mentira en verdade sen ter repetila mil veces.
“Begoña Caamaño estaría cos traballadores e as traballadoras da TVG loitando nos ‘Venres Negros”
Begoña Caamaño estaría cos traballadores e as traballadoras da TVG loitando nos “Venres Negros” e apoiando uns medios públicos galegos, independentes e de calidade, pois como ela dicía o dereito a unha información veraz, plural, rigorosa e de acceso universal á mesma, é un dos piares básicos dunha sociedade democrática.
Neste momento tan convulso e desesperanzador para a humanidade non son quen de imaxinar o desacougo que con todo certeza lle produciría a Begoña Caamaño o xenocidio de Gaza ou os desvaríos do emperador americano. Do que estou convencido é de que estaría en primeira liña combatendo todo iso co seu activismo. Usando as ferramentas e os recursos que ela tan ben manexaba a través da palabra escrita. Lóxico nunha muller de teatro, onde outro ilustre dramaturgo, Esquilo, escribira hai máis de 2 mil anos algo así como: “Na guerra, a verdade é a primeira vítima”.
Gondomar, abril de 2026.




