
Ponteareas | Concluíu a visita de Roberto Mera a Barcelona para dar a coñecer a figura do seu tío bisavó Alejandro Viana, a través do seu libro “Alejandro Viana. La proeza del rescate de los refugiados republicanos”, a edición en español da obra en galego “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” publicados por Belagua Ediciones e que recibíu en 2022 o Premio de Investigación e Ensaio Antón Losada Diéguez.
O mércores 26 Mera estivo acompañado do ex president da Generalitat, Artur Mas, nunha librería do barrio de Gràcia e ao día seguinte, do responsábel da Asemblea Cultural Galega en Barcelona, Moisés Gil e da arqueóloga Irene Martínez, ambos os dous galegos residentes en Barcelona.

Ademais, Mera mantivo un encontro co Director do Museo Memorial de l’Exili, Miquel Aguirre, e co historiador e conservador do Museo, Miquel Serrano, na localidade fronteiriza con Francia de La Jonquera, un museo no que se difunde o exilio republicano no que Viana tivo un papel protagonista na axuda humanitaria e na evacuación de exiliados a América.
A axenda para dar a coñecer a figura de Alejandro Viana completouse con varias entrevistas con medios como Radio Sants, con Suso Mon, e os xornais La Vanguardia, co xornalista Víctor Amela, e o Diari ARA, coa xornalista Silvia Marimón.




