Balance positivo na Feira do Libro de Ponteareas

Os amantes da lectura déronse cita nos Xardíns da Xiralda durante catro días

Ponteareas | Catro días de feira cun saldo positivo no que o público puido conversar cos e coas autoras, conseguir as sinaturas das e dos seus escritores favoritos, asistir a presentacións e participar nas distintas actividades organizadas baixo a agradecida sombra dos Xardíns da Xiralda. O concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González, e a Federación Galega de Librerías agradece a colaboración das librerías participantes e das e dos autores que quixeron compartir co público os segredos das súas obras.

“Estamos moi satisfeitos coa acollida de Feira do Libro en Ponteareas, sempre é gratificante ver que o público responde tan ben ás propostas culturais, desbordando incluso algunhas das actividades propostas, como a presentación de Pedro Feijóo, o recital de Samuel Merino ou a presentación da edición especial de Seraogna con Paula Domínguez e Fátima Ferreiro”, sinalan dende a Federación.

Pola súa banda o concelleiro de Ensino salienta o gusto pola escrita e pola lectura que hai en Ponteareas onde existen máis de dez clubs de lectura, dende o da biblioteca pública municipal aos dos centros educativos e parroquias, nos que se producen encontros periódicos para compartir lectura e reflexionar sobre os textos.

Ricardo González fai un balance positiva nesta nova edición da Feira do Libro na que foron moitas as persoas que se achegaron tanto á lectura do pregón a cargo de Rafael Rodríguez “Rafita” como ás librerías para as sinaturas dos libros. Salienta, o edil, o importante número de público que quixo arroupar a presentación da edición especial de Seraogna na que se compartiu lectura co público e anima a toda a cidadanía a coñecer a obra do escritor local Arístides Carrera que nos últimos anos recolle a memoria dos barrios das parroquias de Ponteareas nunha colección editada por Agoeiro. O autor que xa presentou nas parroquias os libros “Areas”, “Guláns” e “Xinzo”, presentará en setembro o seu último libro “Cristiñade”. Ricardo González tamén convida a pasarse pola biblioteca pública e recoller o libro “Lírica medieval. Xoán García de Guillade e Martín de Xinzo” do escritor e xornalista Manrique Fernández editado polo Concello de Ponteareas.

A acaldesa de Ponteareas, Nava Castro, apunta ao enriquecemento multidireccional que supón a Feira do Libro ao fomentar a lectura, difundir a cultura, conectar a escritores locais con autoras e autores de maior traxectoria e promover o encontro entre a e o lector e as librerías, editorías e escritores.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.