Avogado/as con pensións miserentas.

Dende mediados do século XX até o comezo de 1996 a avogacía por conta propia viña obrigada a se inserir na Mutualidade da Avogacía como alternativa ao réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social (RETA). Dende 1996 avogados e avogadas por conta propia podían optar de xeito excluínte entre a Mutualidade e o RETA, mais a alta neste determinaba a perda definitiva das cotizacións achegadas até o exercício desa opción pola persoa mutualista. Logo foi posíbel compatibilizar ambos os dous sistemas, mais só se podia estar no RETA de xeito exclusivo renunciando ás cotizacións anteriores na Mutualidade.

Dende o ano 2006 o sistema de capitalizamento colectivo da Mutualidade transformouse nun sistema de aforro individual. E esta remuda traduciuse nunha substancial rebaixa das previsións de xubilación das persoas mutualistas, no decurso dun proceso pouco transparente no que, ademáis, xogouse coa captación das persoas novas ofrecendo pagar pouco nos comezos, malia que nos últimos 20 anos de cotización págase bastante mais ca a cotización mínima do RETA.

Porque non é certo que as persoas que se acolleron á solución alternativa da Mutualidade paguen menos ca os que cotizan por autónomos. Non se facemos a conta a xeito e comparamos mazás com mazás. O certo é que, achegando en calquera caso cantidades como mínimo equivalentes ao 80% das cotas dos autónomos-e moitas veces mesmo equivalentes e superiores-as prestacións que reciben os “alternativos” só acadan o 60% das que recviben os afiliados ao RETA. Até 2012 as persoas do sistema alternativo non desfrutaron da sanidade pública (e o sistema da Mutualidade segue sem fornecelo, finánciase vía impostos) e tiñan que contratar un seguro privado de saúde.

As prestacións das que desfrutan son moi inferiores. Fronte aos 545 días máximo de prestación por incapacidade temporal (IT) do RETA incluída de seu na cotización só perceben um máximo de 360 días e só dende o 8º día. Non existe prestación por orfandade e tampouco por viuvez en determinadas situacións. Tampouco prestación por incapacidade permanente senón se contrata de xeito independente. Nin a do cesamento de actividade que, malia que com moitas limitacións, xa desfrutan no RETA.

Das resultas deste proceso milleiros dos mais de 70.000 mutualistas alternativos perceben pensións miserentas de 350-500 € que lles obriga a alongar a súa vida laboral até idades avanzadísimas nas que a prevalencia de determinadas doenzas dificultan grandemente a actividade profesional.

“Das resultas deste proceso milleiros dos mais de 70.000 mutualistas alternativos perceben pensións miserentas de 350-500 €”

Velaí que sexa urxente e de xustiza material unha solución para estes milleiros de profesionais (que, asemade, sosteñen ou teñen sostido a insuficiente dotación pública do dereito universal á xustiza gratuita).Unha solución que lles permita inserirse no sistema público do RETA achegando as súas cotizacións (capitalizadas cos seus rendementos netos determinados de xeito transparente). Ademáis, de se trasladar ao RETA a meirande parte dos “alternativos”, habería ser achegada tamén a cota parte dos recursos propios, do patrimônio, da Mutualidade que garante legalmente as prestacións futuras dos que marchen.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.