AVE Vigo-Porto para 2026: prioridades portuguesas e expectativas galegas

Coa vista posta no Cumio Ibérico do 4 de novembro en Viana do Castelo

Aldea Global | O anuncio realizado o pasado 27 de setembro polo primeiro ministro portugués António Costa colocando para 2026 a data definitiva de materialización do AVE Vigo-Porto tivo un obvio impacto inmediato nas autoridades galegas que consideran como “estratéxico” este proxecto ferroviario.

Os medios portugueses fixéronse eco destas expectativas galegas. Un exemplo disto foi o Jornal de Notícias (28/09/2022) que intitulou “Presidente da Galiza diz que ‘Portugal aposta na alta velocidade. Espanha não”. Utilizando como fonte a conta de Twitter de Rueda, explicaba este xornal que “o presidente da Junta da Galiza, Alfonso Rueda” considerou que “é uma muito boa notícia para a Galiza. Portugal aposta [na ferrovia], Espanha não”.

O xornal luso facíase eco das declaracións de Rueda interpelando ao goberno de Pedro Sánchez: “Esperemos que o Governo central reflita e que na Cimeira Ibérica (de Viana do Castelo em novembro) se comprometa a impulsionar esta infraestrutura estratégica para as relações e competitividade de ambos os territórios”.

Jornal de Notícias tamén reproduciu as declaracións vía comunicado da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, considerando que o anuncio do goberno portugués “é uma fantástica notícia para a Galiza, que a considera uma infraestrutura fundamental para o desenvolvimento da Eurorregião”.

Madrid debe actuar xa
Seguindo co medio portugués, Ethel Vázquez mandou tamén recado a Madrid: “A Junta da Galiza aguarda que este novo passo por parte do executivo luso sirva também para que o Governo de Espanha aposte de uma forma decidida por impulsionar a conexão ferroviária de alta velocidade entre Vigo e a fronteira portuguesa”

“A Junta vem reivindicando reiteradamente ao executivo espanhol a planificação completa das obras e investimentos para o AVE Vigo-Porto”

“A Junta vem reivindicando reiteradamente ao executivo espanhol a planificação completa das obras e investimentos para o AVE Vigo-Porto, aproveitando a oportunidade única que significam os fundos europeus do mecanismo ‘Conectar Europa’ e do programa “Next Generation’.

Vázquez lembrou que o AVE “permitiria reduzir o tempo de viagem entre Vigo e Porto das 2.20 horas atuais a menos de uma hora”. Así, e seguindo coas declaracións da Conselleira, Jornal de Notícias considerou que a expectativa para a Xunta de Galicia é que o Goberno español “comece por assumir um calendário para a Saída Sul, que supõe prolongar o Eixo Atlântico que vai desde a Corunha a Vigo para o levar até o Porriño e conectar com a linha que vai a Portugal”.

Por outra banda, Javier Guerra, senador do Grupo Parlamentario Popular por Pontevedra, rexistrou unha moción no Senado para que o goberno de Pedro Sánchez impulse o AVE entre Galicia e Portugal para 2026.  Segundo afirmou Guerra, este proxecto “quedou plasmado no Programa Nacional de Investimentos 2030” do goberno portugués, consierando que “este é o horizonte no que o Goberno portugués quere facer realidade unha demanda histórica de Galicia”.

A CCDR-N tamén aposta polo AVE
Por outra banda, o pasado 3 de outubro, a CCDR-Norte de Portugal e a Xunta de Galicia realizaron unha xornada en Vigo sobre “Desafios atuais em infraestruturas transfronteiriças e desenvolvimento económico da Eurorregião Galicia-Norte de Portugal”, no que a decisión portuguesa de acelerar o AVE Vigo-Porto para 2026 tivo un papel estratéxico de discusión.

Segundo afirmou Beraldino Pinto, Vice-Presidente da CCDR-N “a ligação ferroviária em Alta Velocidade Porto-Vigo é estruturante nessa resposta” de apostar pola conectividade dentro da Eurorrexión. “Reforça a coesão do território e insere-nos nas modernas redes europeias”.

Pendentes do Cumio Ibérico de Viana do Castelo
As expectativas galegas co AVE Vigo-Porto están agora enfocadas no Cumio Ibérico de Viana do Castelo previsto para o 4 de novembro.

Durante un foro en Santiago de Compostela sobre “Tendencias e servizos do transporte ferroviario en Galicia”, Ethel Vázquez fixo valer as demandas da Xunta de Galicia explicando que este cumio ibérico “debe ser un punto de inflexión por parte do Executivo español de cara ao AVE Vigo-Porto”, con énfase no “desenvolvemento das actuacións e orzamentos necesarios” para completar este proxecto de conexión de alta velocidade.

Vázquez tamén instou ao goberno de España a que “comece fixando un calendario concreto para a saída ferroviaria sur de Vigo que evitará que os trens retrocedan cara Redondela, para continuar a súa viaxe cara Portugal”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.