Ourense | A Xunta de Galicia avanza na mellora das redes de abastecemento e de saneamento en concellos de Ourense a través da planificación e execución de 11 intervencións hidráulicas de calado e de varias obras de menor envergadura pero que teñen un impacto notable no funcionamento destes servizos. O investimento total estimado para a execución deste paquete de actuacións na provincia ascende a 8,5 millóns de euros, contía cofinanciada con fondos propios (aproximadamente nun 51 %), europeos e municipais.
Augas de Galicia busca mellorar a xestión dos recursos hídricos da provincia e o seu estado ambiental, o que favorecerá tamén o desenvolvemento de actividades económicas ligadas a eles, como a pesca ou o turismo, e o benestar e calidade de vida da poboación.
En concreto, as intervencións actualmente en marcha nesta provincia suman 800.000 euros e son todas elas obras menores ou destinadas a avanzar na dixitalización das distintas fases do ciclo da auga.
Por outra banda, Augas de Galicia tamén ultima os proxectos construtivos ou ten listas para licitar a curto prazo as obras doutras 11 actuacións, cun investimento global estimado en 7,7 millóns de euros e das cales destacan sobre todo seis. Así, cómpre citar a posta a punto da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cristovo de Cea, comprometida a comezos deste ano cun investimento de 1,1 millóns e que permitirá corrixir as deficiencias técnicas que presenta a actual. Na foto a torre do reloxo de San Cristovo de Cea co Consistorio ao fondo.