Atila en Galicia / Galicia martir.

Estes son os títulos que escolleu Castelao para os albumes de debuxos cos que denunciou o xenocidio franquista en Galicia. E os que o negan son os que estarían dispostos a repetilo, a financialo, a bendecilo ou a mirar para outro lado. Nunca se debe aceptar como xefe lexítimo a un fascista, da igual que o bendiga a Igrexa ou que o ampare o Estado. Os fascistas non son xefes nin funcionarios lexítimos e o noso deber como cidadáns demócratas é combatilos. A Contitución española, que nunca me gustou, estabrece uns dereitos e uns deberes, nos que se mexan e se mexaron os distintos Gobernos. E se exerces eses dereitos, acósante desde a institución máis alta do Estado á máis baixa. É unha violencia invisíbel pero eficaz, pois intimida e desestabiliza.

O meu país é Galiza e como teño querencia por el, quero que sexa ceive e que as súas institucións estén libres de caciques e opresores. É algo polo que vale a pena loitar, na medida das nosas posibilidades. A presión vai ser enorme, polo que temos que interiorizar o lema de Castelao “denantes mortos que escravos”… Estou convencido de que a liberdade conquírese en galego e acredito na inmersión lingüística no idioma propio de Galiza, que debe ser lingua plenamente oficial no noso país e o seu coñecemento un dereito real e un deber. Porén temos máis patrimonio a defender, xa que a natureza e os animais son un ben que hai preservar da avaricia capitalista e da crueldade innecesaria.

“O meu país é Galiza e como teño querencia por el, quero que sexa ceive e que as súas institucións estén libres de caciques e opresores”

Ningunha persoa debería estar por riba da Lei, nin por riba dos seus semellantes por unha cuestión de xenética. Coido que a República é a mellor forma de goberno e moita xente morreu e sufriu no pasado por defendela dos fascistas. Construíron todo sobre o sangue de inocentes, a inxustiza e a barbarie, pensando que construían en roca firme; porén construíron nas areas. Non fagamos coma eles… Sen xustiza social e redistribución da riqueza non hai democracia. O Estado debería defender os débiles dos abusos dos poderosos, e non o fai en moitisimas ocasións. Combate os pobres e non a pobreza.

En canto á Igrexa, coido que o Estado debe ser laico, garantir a liberdade de culto pero non favorecer ningunha confesión relixiosa. E remato como empecei, aludindo a unha estampa de Castelao, na que unha muller do pobo está axeonllada ante un cruceiro e di: “Queiman, rouban e asesinan no teu nome!”

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.