Ata sempre Alcalde!

Casilda González Rodríguez

Que comezo de semana máis triste cando me comunicaron o falecemento de Pepe Represas, alcalde de Ponteareas ata hai uns días.

Coñézoo desde tempos mozos e sei moito das súas inquedanzas sociais a través dos anos. A súa vida foi unha continúa loita polas causas xustas e polos máis desfavorecidos.

Nestes derradeiros meses, cando o seu deterioro físico mostraba a chegada inminente da morte, houbo un momento no que me preguntei a min mesma: como pode ser que nun corpo tan minúsculo poida entrar tanta bondade, tanta xenerosidade, tanta humildade, tanta capacidade, tanta honestidade, …? Enchería páxinas e páxinas coas súas virtudes.

Sempre antepoñendo as solucións ante as confrontacións, sempre apostando polo diálogo independentemente da cor política da cadaquén. Foi así como logrou a estabilidade entre diferentes partidos. É máis, as rivalidades veciñais durante tantos anos fóronse calmando cando chegou á alcaldía, e hoxe case podemos afirmar que a verdadeira democracia existe en Ponteareas.

Que valentía mostrou cando nas dúas ocasións que tiña que ingresar inmediatamente no hospital foi capaz de aguantar dous intensos plenos para aprobar o orzamento anual e axilizar os trámites para o Plan Xeral!

Para el, por mala sorte, chegou o peor. Para Ponteareas, de seguir as súas directrices, o mellor está por vir. Deixa a alcaldía en boas mans, tamén as concellerías con persoas da súa confianza.

Pepe, vaste sen ver a Ponteareas que tanto soñaches, quedáronche no tinteiro moitísimas cousas por escribir, loitaches ata o imposible para cumprir moitos dos compromisos que tiñas adquiridos co fin de mellorar a calidade de vida das 24 parroquias… Non sempre foi posible, pero non te preocupes, podes sentirte ben orgulloso polo teu traballo! Sanear o concello non foi tarefa fácil e ti si o acadaches. Agora é máis doado gobernar e avanzar.

Xinzo, a parroquia que te viu nacer, estará conmocionada. Tamén alí fuches moi útil.

A túa entrega polos demais deu moitos froitos, agora a árbore que levabas dentro esmoreceu. Cando a min me chegue a hora, gustaríame coincidir contigo no mesmo tren e no mesmo vagón para retomar as nosas conversas.

Grazas Pepe, por ser tan gran alcalde, tan boa persoa e, sobre todo, por ser tan bo amigo! Descasa en Paz, ben o mereces.

Casilda González Rodríguez