Santiago de Compostela | A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acollerá este mércores 1 de outubro unha xornada adicada aos recoñecidos autores de zarzuela, o gran último tándem de compositores do repertorio. A xornada busca por en valor a actividade investigadora e os resultados que esta xera a través de diferentes actividades, finalizando cun concerto.
Comeza ás 15:00 cunha mesa redonda sobre a transferencia de coñecemento nas Ciencias Humanas na que participan Mª Felisa Rodríguez Prado, investigadora adscrita á Rede Galabra, e José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Coñecemento da USC. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar a presentación institucional da actividade a cargo dos responsables desta, o decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijó Torres. Seguirá un relatorio de Marcos Amado sobre os autores, figuras centrais do teatro lírico español no primeiro terzo do século XX, sobre os que realiza unha tese doutoral na Universidade de Oviedo.
A xornada culmina ás 18:30 cun concerto monográfico de zarzuela con números soltos das obras que Soutullo e Vert estrearon en 1925: La canción de los Batanes (“infancia” da recoñecida La del Soto del Parral), Primitivo y la Gregoria o El Amor en la Prehistoria, La Casita del Guarda e Encarna, la Misterio. O concerto estará a cargo de Livia Leal, soprano; Pablo Nieves, barítono; e Carmen Bargiela, pianista. “Esta xornada, que organizamos ao abeiro da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, que patrocina o evento, e a Facultade de Filoloxía, que a acolle no seu 50 aniversario, proxectouse como unha maneira de recuperar música esquecida de compositores galegos como o é Reveriano Soutullo, e de amosar a importancia, posibilidades e tamén responsabilidades que ten investigar e transferir dende a universidade», sinala Marcos Amado, responsable da actividade. O cartel do evento e o programa de man están dispoñibles na páxina web da Facultade de Filoloxía a través do seguinte enlace: Xornada ‘Soutullo e Vert no 2025: obra lírica a un século da súa estrea’ | Universidade de Santiago de Compostela.