As pulsacións da literatura postpandemia mídense no Flaz de Allariz

Primeiro Festival Literario de Allariz os días 1 e 2 de xullo

Allariz | Allariz reúne na primeira fin de semana de xullo algúns dos nomes máis estimulantes da literatura galega e española dos últimos anos. O 1º Festival Literario de Allariz (Flaz) celébrase durante os días 1 e 2 de xullo con encontros nos que participan Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero. Porque, como e para que escribir hoxe en día serán cuestións centrais, que compartirán estas seis figuras da literatura actual.

Dous días para dialogar, entre eles e co seu público lector, nun novo festival promovido pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz, onde se presentou o FLAZ na mañá do mércores 15. A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, sinalou que o obxectivo é “consolidar o festival, que se suma á programación cultural diferenciada con eventos como o Poemagosto ou Allariz Ilustrado”.

“Allariz ten unha identidade literaria alén do patrimonio histórico: do Padre Feijoo a Marcial Suárez, ese perfil inspirounos á hora de promover o Flaz. A programación nútrese dunha selección de autores contemporáneos, tres de Galicia e tres de fóra. Galego, castelán e éuscaro son os idiomas das súas obras”, explica César Lorenzo, responsable de contidos culturais da libraría Aira das Letras.

Seis nomes que reúnen a atención da crítica nos últimos anos e, sen dúbida, boa parte dos galardóns literarios máis coñecidos. Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero pertencen a diferentes xeracións e abordan a súa relación coa escrita desde xéneros e ángulos diversos: poesía, narrativa, ensaio, xornalismo, tradución, etc. En Allariz tratarán a vivencia das súas diferentes traxectorias literarias e, de seguro, cales son puntos de encontro entre elas.

Cun formato de conversas a dúo e un encontro final co conxunto das figuras literarias convidadas, o Flaz ten un obxectivo claro: reivindicar o amor á literatura e aos libros. O desexo dos seus promotores: ofrecer ao público unha programación de interese cultural que, dende o ámbito local, esperte o interese da comunidade lectora e redunde no traballo global do sector do libro. Dous días nos que o Casa da Cultura acollerá a programación central que se complementará con outras actividades a desenvolver en diferentes espazos da vila. Unha delas, os xantares literarios abertos á comunidade lectora, para os que haberá que inscribirse previamente e que terán lugar nos restaurantes colaboradores Alarico e Fío de Liño.

Emma Pedreira e Juan Tallón encargaranse de abrir o Flaz cunha primeira conversa titulada “Por amor á arte” o venres 1 de xullo ás 12:00; na sesión da tarde, dúas escritoras vascas, Katixa Agirre e Edurne Portela, dialogan baixo un enunciado interpelador: “O pasado é un país estranxeiro. Tamén en Euskadi? (18.30).

O sábado quen sentan xuntos son o último Premio Nacional da Crítica en lingua galega 2022, Diego Ameixeiras, e o narrador madrileño tamén varias veces premiado José Ovejero, para falar sobre “O suspense na literatura actual” (12:00). O convivio literario do FLAZ reúne na súa sesión final a todas as figuras convocadas para que respondan á pregunta: “Para que serve hoxe a literatura?” (18.30), mesa redonda que pecha esta primeira edición do festival.

Compromiso coa literatura e coa contorna
O Festival Literario de Allariz (FLAZ) é unha iniciativa da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso con autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido, se cabe, tal como recalcan na libraría, ten retomar o contacto directo entre autores e público tras dous anos de pandemia.

“Agardamos a participación activa do club de lectura de Allariz, pero non queremos cirscunscribirnos só á vila. Pensamos que o FLAZ é unha escusa estupenda para visitar Allariz. A axenda destes seis autores e autoras fai que atopalos xuntos sexa unha oportunidade única”, apunta César Lorenzo.

No Concello de Allariz, en cuxo nome participou na presentación do Flaz a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, aplauden a posta en marcha dun proxecto deseñado con rigor e calidade, tan acaído na estratexia de singularizar Allariz, ademais de polo seu patrimonio natural, polo seu rico patrimonio cultural. O ilustrador Miguel Robledo (Ourense, 1971) é o autor do cartaz do Flaz.