As Neves aproba o seu orzamento municipal 2021

Cunha contía total de 2.531.000 euros

As Neves | A proposta de orzamentos municipais para 2021 foi aprobada na sesión extraordinaria do Pleno, cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSdG-PSOE) e o rexeitamento da oposición (PP e concelleiro non adscrito)

Trátase duns orzamentos condicionados pola situación social que haberá que afrontar este 2021, así como a condición de Administración máis achegada á cidadanía da que gozamos os Concellos, xunto á asunción por delegación pouco razoable da Xunta e do Estado de competencias impropias.

A proposta reflicte a cohesión do Goberno, plasmada na elaboración en prazo do Orzamento, e con pleno acordo na identificación das necesidades do Concello e en como abordalas.

2.531.000 euros
O Orzamento ascende á contía de 2.531.000,00 €, e avanza no camiño trazado nos últimos anos de eficiencia na xestión dos recursos, tanto no capítulo de Ingresos coma na área de Gasto; cumprindo ademais as magnitudes orzamentarias, tanto de aforro neto como de estabilidade orzamentaria, así como a relativa á débeda viva, á carga financeira e ao
teito de gasto.

Así, destaca o aumento nun 17% do gasto asumido en actuacións de protección e promoción social, nomeadamente o Servizo de Axuda no Fogar, sendo insuficiente a cantidade financiada pola Xunta de Galicia, e obrigando ao Concello a asumir unhas competencias impropias sen financiamento.

Créase unha partida nova para Emerxencia Social, e mantense o compromiso de colaboración coas comunidades de augas, coa achega de 20.000 € para subvencións a conceder por concorrencia competitiva.

Contémplanse tamén no documento cantidades destinadas a co-financiar proxectos subvencionados por outras administracións e a redacción de proxectos a presentar en convocatorias de axudas que permiten ao Concello realizar actuacións que, de non ser así, non poderían executarse. Dende a Alcaldía sublíñase a importancia do traballo nesta
liña realizado nos últimos anos, que permitiu no ano 2020 executar 5.700.000 €, cun orzamento municipal de 2.501.625,00 €.

Asígnase o mesmo importe que no exercicio anterior para as subvencións a entidades ou asociacións sen fins de lucro, coa notable diferenza de que a maioría van a ser concedidas por concorrencia competitiva, excepto a cantidade para subvención destinada á Asociación da Banda de Música de Rubiós de 51.000,00 €, por contar coa escola musical; quedando para concorrencia competitiva a cantidade de 16.750,00 €.

As bases das convocatorias das distintas modalidades de axudas (culturais, deportivas, de fomento da actividade comercial, sociais, ou de actividades extraescolares)serán debidamente creadas aprobadas, e postas en coñecemento dos colectivos interesados, co obxecto de permitir a elaboración dunha axeitada planificación e elaboración de propostas a presentar para a súa valoración dentro dos prazos marcados.

Na sesión tamén se aprobou a adhesión ao convenio para articular a encomenda de xestión á Xunta de Galicia para a realización de actuacións auxiliares e de colaboración material na tramitación dos procedementos sancionadores competencia dos concellos de Galicia, en relación co incumprimento das medidas de prevención aprobadas para a loita contra a
COVID19.

Xunto coa despedida do ano 2020 e os bos desexos para o 2021, dende a Alcaldía fíxose entrega a toda a Corporación Municipal dunha máscara hixiénica reutilizable e unha chapa do programa #ViveNasNeves.