As Neves acolleu a V Asemblea de xornalistas saharauís en Europa

Foi elixida Fatma Galia Ali como nova presidenta

As Neves | A activista polos dereitos humanos e comunicadora Fatma Galia Ali é a nova presidenta da Liga de Xornalistas e Escritores Saharauís para Europa. Fatma, escritora, conferenciante e unha das figuras máis activas da cultura e a sociedade saharahuí, foi elixida polos participantes na 5ª asamblea desta organización, reunida durante esta fin de semana nas Neves.

Nesta xuntanza, os e as xornalistas e escritores avaliaron as iniciativas e accións que emprenderán para trasladar á opinión pública europea a realidade das circunstancias nas que sobrevive a poboación saharahuí, o xeito de sensibilizar a millóns de cidadáns  a resistencia da derradeira colonia en África.

A convocatoria d0s e das profesionais da información do continente europeo nas Neves, terá continuidade os vindeiros meses en América Latina e tamén en Asia, segundo comentou o presidente da Unión de Xornalistas saharahuis, Nafii Ahmed Mohamed, presente hoxe nas Neves.

“Momento determinante”
Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves, inaugurou o venres esta Asamblea, animando aos asistentes a “romper o cerco mediático” imposto en moitos casos á realidade que viven os saharauís, e animounos  a lograr que se abra paso “una comunicación sen límites que vos permita contar a vosa realidade e a vosa verdade”.

Este foro cobrou especial importancia logo da última postura manifestada polo Goberno españolsobre a resolución da situación do Sáhara, e a resposta de Nacións Unidas pedindo apoio para os esforzos do Enviado para o Sáhara, Staffan de Mistura, “destinados a reanudar o proceso político” de negociación entre as partes en conflito.

Neste sentido, Fatma Galia Ali recoñeceu que “é un momento dificil para nós, sempre vimos a neutralidade do Estado e do Goberno español, que defendía a postura da ONU e a legalidade internacional, cambiou para defender a ‘vía marroquí’ da autonomía, á normal que o noso pobo estea enfadado e decepcionado e que queramos que se restablezca esa legalidade e que, logo de 46 anos podamos decidir o noso futuro”.

A nova presidenta lamentou que “as informacións que saen sobre o problema do Sáhara e a situación dos dereitos humanos nos campamentos, cheguen con ‘contagotas” e a opinión pública permaneza “desinformada” polo feito de que hai “moita máis información manipulada que real”.

É por isto, engadiu Galia Ali, que “os xornalistas saharuís temos que atopar o xeito de transmitir a verdade sobre o noso pobo, acabar con este ‘ostracismo informativo’ e denunciar as “violacións dos dereitos humanos que se produce nos territorios ocupados”.

Estes dous días, entre outros persoeiros, participaron nesta asamblea o delegado do Sáhara en Galicia, Mohamed Mehdi Zerga, Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, Sidi Brahum, presidente da diáspora saharauí en España,  e interviron por videoconferencia o representante do Frente Polisario para Europa, Ubbi Ubi Buchraya e o ministro do Sáhara para España, Abdulah Arabi.

Clausura
Este domingo, día 27, tivo lugar a clausura do encontro coa presenza de alcaldesas e alcaldes da zona do Miño,  responsábeis do  Fondo Galego de Cooperación e Solidaridedade, e do GDR Condado Paradanta, os membros do Intergrupo Paz e Liberdade para o pobo saharaui do Parlamento de Galicia, os deputados Alberto Pazos, Montse Prado e Martín Seco, que estiveron recentemente nos campamentos, e un representante da Xunta de Galicia.