As músicas do mundo deleitaron ao público ponteareán

O IX Festival Internacional Algazara bateu récords de asistencia

Ponteareas | O público respaldou o XI Festival Internacional Algazara “Danzando entre culturas” enchedo a Feira Vella de aplausos. Coa súa presenza recoñeceron o valor cultural e social das danzas tradicionais e do folclore popular.

Os catro grupos participantes contribuíron no escenario da Feira Vella a manter viva a memoria colectiva dos pobos e ao fortalecemento do sentido de pertenza.

A “Compañía Artística Mien-Moh” de Costa de Marfil, o conxunto de canto e danza “Shurq Salodari” de Uzbekistán, o WICI Song & Dance Theatre de EEUU e e Triskari Dantza Taldea de Euskalherría e a Agrupación Folclórica Algazara, organizadora do evento, actuaron para un numeroso público. Un espectáculo que este ano homenaxeaba ás cantareiras, en concreto a Palmira e a Saladina, que recibiron da man da alcaldesa Nava Castro e do tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, un agasallo.

Tamén houbo un intercambio de agasallos entre o Concello e os grupos participantes, algúns deles en forma de pano típico de Uzbekistán, ou de cantiga popular galega cantada polo grupo vasco Triskari Dantza Taldea. Así, unidos pola música, polas voces e polas danzas os cinco grupos deleitaron ao público.

Alcaldesa e tenente de alcaldesa felicitaron á Agrupación Folclórica Algazara polo traballo destes once anos que permitíu coñecer unha parte da cultura dos máis de trinta países que actuaron na Feira Vella ao longo deste tempo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.