As Deputacións reivindican financiamento para afrontar as competencias impropias que asumen

Xornada sobre o Futuro das Deputacións Provinciais celebrada en Madrid

Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, participou este xoves en Madrid na xornada sobre o Futuro das Deputacións Provinciais, organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e celebrada na súa sede institucional. A cita reuniu responsables provinciais, representantes municipais, persoal técnico da administración local e expertos en gobernanza pública para debater sobre os desafíos estruturais e de futuro das deputacións, nomeadamente o financiamento, a gobernanza e o equilibrio territorial.

Tomé Roca puxo o foco na necesidade de abordar con rigor a situación das competencias impropias que as deputacións están a asumir, en especial no ámbito dos servizos sociais, un eido no que as demandas crecen e a responsabilidade das entidades provinciais é cada vez maior. “É fundamental reforzar o papel das deputacións como institucións de cohesión territorial, garantes da igualdade de oportunidades e do apoio técnico e económico aos concellos máis pequenos. Pero as competencias teñen que estar acompañadas de financiamento. E non o digo eu, é que o di a propia Lei”, afirmou o presidente.

Subliñou que se trata dun asunto “vital, que todas as deputacións debemos reivindicar de maneira conxunta, desde a cooperación institucional e co obxectivo de garantir servizos públicos de calidade en todo o territorio”. Nese sentido, falou do caso da Deputación de Lugo, que ten unha rede de Centros de Atención a Maiores con nove residencias funcionando e con outras tantas proxectadas, en construción ou en trámites de apertura.

Defendeu o papel das deputacións como institucións “próximas e imprescindibles para o equilibrio territorial e o apoio ao municipalismo, especialmente no rural”, lembrando que sen elas os concellos carecerían da capacidade necesaria para prestar servizos esenciais en condicións de igualdade.

Goberno intermedio imprescindible
Tomé Roca reivindicou tamén o papel estratéxico das deputacións dentro da estrutura institucional do Estado. “Se non houbera deputacións, habería que crear un organismo semellante que exercese como goberno intermedio. Os concellos precísannos; somos fundamentais para que poidan prestar servizos básicos”, subliñou.

Defendeu que o futuro das deputacións depende dunha gobernanza sólida, dunha definición clara das súas competencias e dunha suficiencia financeira que lles permita responder ás necesidades actuais, especialmente nun contexto marcado polo reto demográfico, o despoboamento e a crecente demanda de servizos sociais.

Rede viaria provincial
O presidente da Deputación de Lugo abandeirou un asunto que cualificou de “estratéxico” para garantir a igualdade entre territorios: o estado das estradas provinciais. Recordou que as deputacións suman en conxunto 67.773 quilómetros de vías, das cales máis de 4.200 km están na provincia de Lugo. “Algunhas provincias temos dificultades importantes para mantelas en bo estado. Hai moitos problemas e necesidades acumuladas”, afirmou. Engadiu que, en clave de cohesión territorial, “é moi importante arranxar as nosas vías de comunicación, sobre todo para conectar aqueles núcleos do rural que están máis afastados”.

Para facer fronte a esta situación, reivindicou unha vez máis a creación dun equipo de traballo dentro da FEMP co obxectivo de solicitar ao Goberno de España unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado destinada á mellora e mantemento das estradas provinciais. Lembrou que esta liña de financiamento “xa existiu no pasado e foi eliminada durante o Goberno de Mariano Rajoy”, polo que considerou prioritario recuperala “para contribuír a fixar poboación no rural e impulsar un turismo non masificado e sustentable”.

Rematou sinalando que “non pode haber igualdade entre cidadáns se non hai igualdade entre territorios” e insistiu na necesidade de avanzar cara a un modelo de financiamento estable, suficiente e xusto, que permita ás deputacións seguir desempeñando o seu papel imprescindible ao servizo dos concellos e da cidadanía.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.