As Danzas de Reis tomarán as prazas de Ponteareas

Encherán de música de castañolas a Praza Bugallal e a Praza Maior este domingo 18

Ponteareas | Ponteareas volve poñer en valor as tradicionais danzas de Reis, que seguen moi vivas na vila “grazas ao esforzo realizado polos distintos colectivos sociais por recuperar e manter os sinais de identidade da nosa cultura ao longo dos anos”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Para render homenaxe a esta antiga tradición o Concello organiza a terceira edición do Festival Internacional de Danzas de Reis, que o vindeiro domingo 18 de decembro encherá de música de castañolas a Praza Bugallal e a Praza Maior a partir das 17.00 horas cos cinco grupos compartirán actuación e escenario: os ranchos de Reis Pedra da Garza, Muíños de Oliveira, Rancho da Feira e As Cortellas e o grupo folclórico de Santa María de Moure.

Groba convida a toda a veciñanza a gozar deste espectáculo que permite difundir entre as e os ponteareáns unha das tradicións máis xenuínas conservadas na vila, que trae ao presente as danzas dos nosos antepasados. En caso de choiva, este festival de carácter único trasladarase á sala multiúsos do auditorio municipal.

O público poderá gozar das danzas de paus, castañolas e arcos co Rancho de Reis Pedra da Garza de Fozara, unha parroquia que sempre estivo moi vinculada a música e ao baile tradicional e tamén ás Danzas de Reis, que se bailaron sen descanso ata o ano 1966. Xa no 2006, os membros da EBMT Pedra da Garza decidiron recuperar estas fermosas danzas, que dende entón levan cada Nadal a todos os recunchos da vila.

Pola súa banda, o Rancho de Reis da AC Os Muíños de Oliveira foi creado co obxectivo de recuperar a tradición de bailar danzas de Reis polas parroquias veciñas e que foron ensinados aos actuais integrantes polos compoñentes do último Rancho de Reis que houbera en Oliveira. O vestiario foi creado reproducindo aquel que detallaban as súas e os seus predecesores: o das mulleres con enaugas e blusa branca, mandil negro, pano na cabeza e un mantón de reis e os homes pantalón e camisa brancas, polainas de coiro, xemelgos, gravata, dous panos de reis e un gorro con plumas.

O Rancho da Feira de Salceda de Caselas chegará os seus traxes, composición e pases de baile únicos, diferentes aos doutras zonas do sur de Pontevedra. Así, por exemplo, chama especialmente a atención a dama de Reis, ataviada con gran cantidade de xoias de ouro que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica, que sentían grande orgullo de que os seus bens se luciran no Rancho de Reis, algo que tamén acontecía cos aneis de ouro dos panos dos danzantes. Isto por suposto implicaba que os Ranchos tiveran que ir sempre acompañados de máis persoas que facían un labor de custodia e protección.

Nos anos 60 bailáronse os Reis nas Cortellas, na parroquia de Padróns, por última vez. A emigración e os novos xeitos de vida remataron con esta tradición ancestral de orixe incerto. Foi no ano 1991 cando comezaron a recuperar as danzas, as músicas e os cantos de Reis. Os últimos danzantes ensinaron as roupas, a facer os arcos, a cantar e a facer os distintos puntos de cada unha das danzas á nova formación, que dende entón actúa por toda a provincia divulgando esta cultura popular.

Neste festival tamén participará o grupo folclórico Santa María de Moure, de Barcelos, que naceu en 1991 co obxectivo de preservar os usos e costumes do pobo, recollendo e divulgando certos valores do folclore da súa rexión. Constituído actualmente por 65 elementos, o grupo ten unha importante presenza en festivais e romarías de norte a sur de Portugal e incluso no estranxeiro, onde participa en numerosos festivais internacionais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.