Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

Obradoiro gratuito no Santuario de Cadeiras en Sober

Sober | O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a quinta edición do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra.

Celebrouse no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras coa asistencia de Luís Guitián, alcalde de Sober. Trátase dunha iniciativa que reúne unha vintena de obradoiros artesanais especializados en oficios tradicionais como a cerámica, o coiro, o téxtil, a olería, a xoiería, a madeira, os instrumentos musicais tradicionais, a forxa e os xoguetes.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, reafirma así o seu apoio aos sectores artesanais galegos, impulsando espazos de encontro entre artesáns e público, ao tempo que fomenta a difusión e venda dos produtos autóctonos cun valor cultural e económico sostible.

Durante a xornada, de 11,00 a 21,00 horas, terá lugar unha programación de obradoiros gratuítos e abertos para todos os públicos, que inclúen encadernación xaponesa, estampaxe e torno cerámico, impartidos por artesáns locais e por representantes da Asociación Galega da Cerámica. Tamén está prevista a actuación musical do grupo Deuce a partir das 13,00 horas.

A visita dos representantes autonómicos pon de manifesto o compromiso da Xunta coa promoción e comercialización do produto artesán galego e coa consolidación da marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e autenticidade. Gabriel Alén destacou a importancia destas accións para a dinamización económica e cultural da Ribeira Sacra, contribuíndo á visibilización do traballo dos artesáns e ao fortalecemento do tecido comercial local.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.