Arte e electrodomésticos, obra pictórica en Ourense

O pintor Leandro Sánchez intervén un frigorífico unindo creatividade artística e comercio local

Ourense | Unha orixinal iniciativa que une arte e comercio pode verse estes días na cidade de Ourense. O pintor profesional Leandro Sánchez, artista de orixe mallorquina afincada na cidade, transformou un frigorífico nunha peza artística que se exhibe na tenda de electrodomésticos da cadea Bermello situada na estrada de Vigo.

A intervención xurdiu de maneira case espontánea. Segundo explica o propio artista; a idea naceu cando o comerciante ourensán Jorge Bermello visitou o seu estudo e fixouse nunha neveira que Leandro utilizaba alí como elemento decorativo. “Tiña unha neveira vella no estudo e, para non deixala simplemente branca, pegara nas portas algúns cadros que tiña. Cando Jorge a viu pensou que aquilo podería converterse en algo moi rechamante para a tenda”, explica o pintor.

A partir desa conversación xurdiu a proposta: realizar unha intervención artística directamente sobre un frigorífico novo que puidese exhibirse no establecemento. O obxectivo era dobre: por unha banda, introducir un elemento cultural e creativo nunha contorna comercial e, por outro, chamar a atención do público sobre os produtos da marca propia da tenda.

Para o deseño, Leandro decidiu traballar con electrodomésticos da marca Solthermic, vinculada á empresa Bermello. O artista fotografou na propia tenda un forno e un microondas desta firma, que posteriormente trasladou ao frigorífico mediante pintura acrílica, incorporando ademais elementos pictóricos contemporáneos para completar a composición. “Para min todo é pictórico. Tanto me dá pintar unha cousa que outra. Sempre pensei que calquera obxecto pode converterse nunha obra se se mira desde o punto de vista artístico”, comenta o pintor.

A execución da obra tamén requiriu unha preparación técnica específica. A superficie metálica do electrodoméstico tivo que ser lixada previamente con papel de esmeril, similar ao que se utiliza en traballos de carrocería, para facilitar a adherencia da pintura. Posteriormente, a obra protexeuse cun verniz especial de dous compoñentes que evita arañazos e garante a súa conservación.

Un dos detalles curiosos da peza é que o microondas pintado na porta aparece lixeiramente desprazado cara a un lado. Segundo explica Sánchez, isto débese ás propias limitacións do soporte: o logotipo da marca estaba gravado no frigorífico e non podía eliminarse, polo que o artista tivo que axustar a composición para manter o equilibrio visual. O resultado é un obxecto cotián transformado nun soporte artístico que combina publicidade, deseño e creatividade. Actualmente, a peza exponse na tenda Bermello como exemplo dunha colaboración que busca achegar a arte ao espazo comercial.

Aínda que en principio a obra realizouse como peza de mostra e non está destinada á venda, o propio artista non descarta repetir iniciativas similares no futuro. “Hoxe en día pódese pintar practicamente calquera cousa: unha neveira, un obxecto dunha tenda ou calquera elemento dunha empresa. Estou aberto a novos encargos”, sinala.

A iniciativa demostra como a arte pode integrarse en espazos cotiáns e comerciais, xerando propostas orixinais que chaman a atención do público e achegan un valor cultural engadido. Na foto, Leandro Sánchez o artista pintor, Jorge Bermello e Jorge Sobrino Bermello actual CEO da empresa co frigorífico artístico.

Autor do texto: Óscar Sánchez Gándara.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.