Areeiro alerta sobre os efectos perniciosos da flavescencia dourada

Este centro dependente da Deputación de Pontevedra acaba de recoller a primeira bolboreta do buxo adulto

Pontevedra | A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte das primeiras recollidas de adultos de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada, unha enfermidade moi grave da viña cuxo control é obrigatorio nos territorios da Unión Europea.

O centro dependente da institución provincial acaba de recoller tamén a primeira bolboreta do buxo adulto e advirte da súa rápida expansión se non se controla. Tamén aconsella manter a vixilancia das viñas ante o período sensible ao oídio e as previsións meteorolóxicas favorables á propagación do mildio.

Nas trampas tanto da zona do Rosal como na comarca do Condado teñen aparecido os primeiros exemlares adultos do cicadelido da flavescencia dourada. Amais das medidas de tipo lexislativo, a nivel dos viñedos cómpre eliminar o insecto, aplicando nestes momentos un insecticida con produtos autorizados para facer fronte a esta grave enfermidade.

No que respecta á viña, Areeiro advirte da necesidade de manter a vixilancia xa que se atopa nun período sensible ao oídio e as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, con temperaturas e humidade elevada, son favorables á propagación do mildio. E, aínda que non se teñen observado síntomas de black rot, o centro da Deputación recomenda renovar tratamentos fronte ao mildio, oídio e black rot.

En canto ao buxo, esta semana recolleuse o primeiro adulto de Cydalima perspectalis ou bolboreta do buxo nas trampas da rede de Areeiro. A recomendación é a de vixiar as plantas e aplicar o tratamento tan pronto como se manifeste a sintomatoloxía da enfermidade, xa que as defoliacións que causan son moi rápidas se non se controlan. Amais, tense detectado un incremento de plantas con síntomas de enfermidades de madeira, afectadas con golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e advirte de que comeza a ser máis notoria a erinose de verán.

800 persoas “En Ruta coa Depo”
A Deputación de Pontevedra organiza a semana do 10 ao 16 de xullo un total de 13 saídas no marco do programa “En Ruta coa Depo”, iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial.

Diversas entidades dos concellos de Bueu, A Estrada, A Lama, Lalín, Mondariz, Mos, Ponteareas, Pontevedra, Silleda e Vigo mobilizarán un total de 755 persoas para coñecer emblemas da provincia como os pendellos de Agolada, as illas de Tambo, Cíes e San Simón, a ría de Arousa ou o conxunto histórico de Cambados.

A entidade encargada de estrear o calendario semanal é a Asociación Cultural de Acordeonistas Estradenses, que viaxará o martes 11 ás illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo, con 54 persoas.

O día seguinte, o mércores 13, terán lugar dúas rutas. A Fundación Juan Soñador de Vigo desprazarase con 54 persoas ao Mosteiro de San Xoán de Poio, o conxunto histórico de Combarro e mais a illa de Tambo, e a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu, outras 54 persoas cara a Agolada (onde visitarán os pendellos) e Vila de Cruces (para coñecer a Casa-Museo A Solana de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo).

Ademais, o venres 14 a Asociación AFAGA, con sede en Vigo, viaxará con outras 54 persoas á illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio en Pontevedra e o Museo Meirande, en Redondela.

A fin de semana concentra a maior parte de saídas da semana. Así, o sábado 15 terán lugar 5 saídas e, o domingo 16, as 4 restantes. O sábado participarán a Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, que mobilizará 54 persoas para visitar Cambados (conxunto histórico, Museo do Viño, ruínas de Santa Mariña Dozo, bodega do pazo de Fefiñáns e Museo do Muíño de Mareas da Seca).

A Fundación Pazo de Mos, a Asociación Veciñal Santa Baia de Mos e a Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Castiliños dirixiranse á ría de Arousa con 54 persoas cada unha para percorrer a illa da Toxa e o Museo da Salgadura no Grove e dar un paseo en barco. Ademais, a Asociación Veciñal San Pedro de Gaxate, na Lama, visitará O Berbés e as Cíes tamén con 54 persoas.

Xa o domingo, dúas asociacións realizarán o percorrido polo Grove e a illa da Toxa: a Asociación Veciñal A Pena do Equilibrio (Ponteareas) e mais a Asociación Cultural Carnaval Cernadela (Mondariz), coa participación de 54 persoas cada unha. Pola súa banda a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (Silleda) viaxará con 54 persoas á ruta de Cambados e, finalmente, a Asociación de Mulleres de Filgueira, de Lalín, mobilizará 53 persoas para coñecer O Berbés e as Cíes.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia.

Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

“En ruta coa Depo” tamén impulsa a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrece alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promove rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.